Contra o machismo: feminismo organizado!

Máis unha vez vémonos na obriga de manifestar a nosa repulsa total a este sistema patriarcal que nos quere submisas e silenciadas e que perpetúa a idea de que temos que sentir medo polo simple feito de camiñar polas rúas da nosa cidade, eliminándonos así do espazo público e facéndonos invisíbeis.

Foi onte, mércores 3 de febreiro, cando no paseo peonil do río dos Gafos de Pontevedra se produciu un intento de agresión sexual a dúas mozas que estaban a practicar deporte. Este é só un dos centos de casos que se producen cada día, dos cales só unha pequena parte sae á luz e nos que outra parte, moito máis pequena aínda, se fai xustiza e se penaliza ao agresor ou agresores.

Paralelamente a isto, un grupo descrito como “antifeminista” convocaba encontros a través do blogue “Return of king” de Roosh Valizadeh en 160 cidades do mundo, nas cales estaban incluídas Barcelona e Granada, con obxectivos son tan inadmisíbeis como legalizar as violacións ou retirar o dereito de voto ás mulleres. Estas quedadas foron finalmente canceladas por eles mesmos, pero só para garantir a seguridade dos asistentes ante a resposta das feministas.

Dito Roosh Valizadeh, que se autodefine como “artista do ligue”, emprega o acoso, a agresión física e verbal e a violencia publicamente para acadar o que el e os seus seguidores consideran “conquistar a unha muller”. O que se consegue con iso é normalizar as violacións e considerar que o que as mozas queiramos non conta en ningún momento.
Desde Galiza Nova rexeitamos toda conducta machista en calquer espazo e reivindicamos o feminismo organizado como ferramenta para frealo.

Querémonos vivas, insubmisas e combativas. Necesitamos de toda a nosa rebeldía para rachar con este sistema e con todas as opresións que sufrimos.