Isabel Reimúndez, nº2 do BNG-Asembleas Abertas en Sada

“Gústame o ambiente político san que se desprende no BNG e a forma de traballo, aberta a todo o mundo”

Isabel Reimúndez é unha moza de 27 anos que non milita no BNG, e que será a nº2 da lista que BNG-Asembleas Abertas presentará nas vindeiras eleccións municipais.

A continuación, reproducimos a autopresentación e a entrevista que Isabel realizou para o BNG de Sada.

 

AUTOPRESENTACIÓN

Nacín en Sada hai 27 anos. Pasei toda a miña vida entre a rúa do Río e Mondego. Despois das primeiras ensinanzas na escola de Florita, cursei toda a etapa de primaria no colexio Barrié de la Maza de Mondego e Secundaria no Instituto Isaac Díaz Pardo.
Desde o ano 2010, son Licenciada en Socioloxía pola Universidade da Coruña. Unha vez rematada a carreira e coa motivación de aprender outro idioma, decidín viaxar a Londres, onde traballei en comercio e estudei Marketing de moda e Análise de tendecias na University of Arts of London.
A miña vinculación ao mundo deportivo, levoume a compaxinar sempre os meus estudos ca impartición de clases de surf en diferentes escolas da comunidade galega e clases de danza clásica en varios concellos da comarca.
Actualmente traballo en comercio para o Grupo Inditex e desde o 2014 son delegada sindical da CIG no meu centro de traballo.
Desde ben nova tiven ben claro cales eran os meus ideais políticos, pero nunca militei en ningún partido.

ENTREVISTA

 

-Isabel, ti que nunca militaches en ningún partido, por que decidiches formar parte do grupo do BNG?

Para min, a loita continua que se ven facendo desde a época de Crisanto ata a de Abel pasando por tódolas compañeiras e compañeiros do BNG é un claro exemplo de constancia e empeño. Sempre se deixaron de lado os intereses persoais e deron á cara sacando á luz tódalas cacicadas e trapos sucios da xente que “gobernaba” no Concello.
Cando Liss e Lito me chamaron para contarme o proxecto político do BNG, quixen desde un principio involucrarme. Desde un primeiro momento, deixaron claro que o sentido común e a xestión razoal priman ante a militancia. Sentinme moi valorada como muller, como xuventude e como sadense.
Gústame o ambiente político san que se desprende no BNG e a forma de traballo, aberta a todo o mundo que quera aportar algo mediante as asambleas.
O BNG é o partido máis votado en Sada, moitos veciños confiaron no seu proxecto, polo tanto son consciente de que non se lles pode defraudar. O BNG fixo ben o seu traballo no goberno e non deixou de dar caña na oposición, isto é o importante.
Síntome moi identificada e a gusto co equipo do que formo parte, somos todos achegados e penso que será doado traballar xuntos.
Sada ten gañas de cambios, queremos vivir nun pobo do que nos poidamos sentir orgullosos e que se adapte á modernidade.

-¿Cal cres que é o principal problema da xuventude en Sada?

Eu persoalmente cando decidín voltar de Inglaterra para asentarme no pobo, atopei moitas trabas e falta de información. A xuventude de Sada xa nin se plantea buscar traballo na vila, e os que non deciden emigrar e buscan traballo na comarca, vense limitados co tema do transporte público.
Aínda que a coxuntura social na que vivimos e que padecemos, non a podemos cambiar só nós, sí que se pode axudar a facilitar as cousas. Creo que unha oficina de atención ao cidadán competente, unha páxina web actualizada que promova a interacción e a participación é básico para empezar a funcionar.
A xuventude precisa ver movemento e xente no pobo, non queremos ser unha vila dormitorio ruinosa. As propostas que recibimos xa veñen masticadas e a xuventude de Sada é emprendedora, non buscamos tutelas, temos moitísimo potencial: músicos, escritores, creativos, deportistas… que ademáis de estarse buscando a vida pola súa conta sen ningún tipo de apoio, non está recoñecida a súa obra nin se fai nada nin por buscarlles espazos e axudas.
Os rapaces e rapazas máis novos tampouco teñen alternativas de ocio nas fins de semana e non será porque non hai espazos públicos dispoñibles…

-Como dixeches antes, estás vinculada ao mundo do deporte. ¿Cómo valoras o deporte en Sada?

O deporte na nosa vila nunca estivo considerado. A miña xeración e xeracións anteriores non poidemos disfrutar de instalacións deportivas municipais. Ata o ano 2000 non abríu a piscina municipal que levábamos anos reclamando.
Eu puiden practicar ballet clásico grazas a Sociedade de Sada, porque o Concello nunca promoveu actividades deportivas para nenos ata hai ben pouco. E o que se fai agora é nun pavillón que por moito que pinte por fóra, non deixa de ter goteiras e uns lavabos e vestiarios vergoñentos.
O deporte está en auxe na sociedade moderna, e iso tamén se aprecia en Sada. Cada día os nosos clubes deportivos son máis fortes e con máis membros. Isto é algo histórico e do que temos que estar ben orgullosos e temos que estar abertos e escoitar o que reclaman. Calquera evento e competición na nosa vila atrae a xente, enche os comercios e a hostelería e fai que sexamos recoñecidos.
Tamén me parece increíble que coas condicións naturais da nosa ría, non se exploten as actividades naúticas desde o Concello e a través dos colexios.
Temos que achegar o deporte a todas as xeracións; a sensación de alegría e benestar que aporta fai que vexamos todo dunha maneira diferente.