Crónica das XXX Xornadas de verán da mocidade galega no Baixo Miño

Esta fin de semana organizamos as XXX Xornadas de Verán da mocidade galega na comarca do Baixo Miño.

Tendo como un dos principais obxectivos da XV Asemblea Nacional o reforzo da nosa formación teórica e práctica, nestas xornadas ampliamos os nosos coñecementos sobre a loita sindical nacional e de clase. Para isto contamos coa presenza de Alberte Gonçalves, Secretario Comarcal da CIG Vigo, quen tratou a actualidade do sindicalismo no país, as loitas nas que as traballadoras galegas están inmersas e como se organizan estas.

Nun plano máis concreto tivo lugar, no Monte Aloia, unha palestra sobre as novas formas de explotación que sofren as clases populares galegas, especialmente a mocidade, da man do Responsábel de Negociación Colectiva da CIG, Francisco Sío.

Nesta palestra achegámonos á situación da masa traballadora galega após a reforma laboral do 2012, así como tamén ao novo contexto de esclavitude moderna resultante desta reforma cunha especial atención á temporalidade e á precariedade dos postos de traballo aos que opta a mocidade galega e á realidade das falsas autónomas.

A sindicalista e traballadora de Inditex Xiana Melón, achegounos unha necesaria visión de xénero na loita sindical, a través da experiencia da folga das traballadoras de Bershka en Pontevedra, que mediante o conflito conseguiron acadar melloras no seu convenio laboral.

Outro dos puntos nos que centramos o noso traballo nestas xornadas foi na formación na cuestión ecoloxista, da man de Verónica Torrijo, compañeira de ADEGA, que nos falou sobre a problemática medioambiental na nosa terra e a importancia de poñer o foco nos verdadeiros causantes da grave crise climática que padecemos.

Alén disto, tivemos a oportunidade de coñecer de primeira man a loita agrarista e antifascista na comarca do Baixo Miño, cunha palestra sobre o agrarismo e os Mártires de Sobredo, da man de Xosé Manuel Suárez Estévez, do Instituto de estudos agrarios Mártires de Sobredo, ao que lle sucedeu unha sentida homenaxe por parte de membros da nosa organización.

No eido do antifascismo coñecimos a historia de loita e exilio de Alonso Ríos, e o seu paso de lider político galego a ter que sobrevivir agochado e facéndose pasar por mendigo, para despois conseguir fuxir a Portugal e en última instancia a América, onde foi man dereita de Castelao até a morte deste último.