David Neira, responsábel na Coruña

A Asemblea Comarcal d’A Coruña tivo lugar o pasado venres 20 de xaneiro, dentro do período posterior á XIV Asemblea Nacional celebrada o pasado 26 de novembro en Compostela.

Nesta asemblea, David Neira foi eleito Responsábel Comarcal. Asemade, déronse novas altas na organización e trazáronse liñas de acción a curto e a medio prazo para potenciar a organización comarcal.

“Hai que pular para sermos unha ferramenta útil para e pola mocidade” apuntaba o Responsábel Comarcal. Neira aceptou a responsabilidade da comarca baixo o respaldo da súas compañeiras de organización para contiuar no traballo político desde a rúa.

Ademais, considera que hai moito que traballar coa xente moza da comarca para reivindicar temas tan básicos como un mellor trasporte público (diurno e nocturno) ou a mellora da oferta de ocio san para a mocidade nos concellos da comarca, que dependen para moitas cousas da cidade. Neira destaca que A Coruña é “unha comarca onde á xente moza non ten espazos de participación política, ou estes están controlados polo poder”.  Así, afirma que o deber de Galiza Nova é achegar as potencialidades de desenvolvemento social do nacionalismo á comarca para construir unha sociedade máis xusta.

Por último, o recén elixido Responsábel Comarcal, fixo un chamamento a toda a mocidade da comarca para que se organice e traballe en Galiza Nova e no tecido asociativo comarcal para construír país.

Leave a Reply

Your email address will not be published.