Enfrontámonos a un sistema no que operan múltiples factores que manteñen e acentúan a desigualdade estrutural entre homes e mulleres. Entender os mecanismos mediante os cales se exerce a opresión e a violencia sobre nós, así como a relación que existe entre eles, é fundamental para avanzar na súa supresión. Por iso, dende unha óptica feminista, queremos poñer o foco na dobre inxustiza que supón o cambio climático e a desigualdade de xénero.

En primeiro lugar, é importante entendermos que as consecuencias da crise climática non son só físicas; aféctannos tamén a nivel social, económico e político. As inundacións, as malas colleitas, as secas, a destrución ambiental, a perda de biodiversidade… Son fenómenos responsábeis de grandes movementos de poboación e que  dificultan o acceso a comida, auga e servizos sociais. Estas desigualdades xeradas polo cambio climático inciden especialmente sobre mulleres, que en moitas partes do mundo son máis dependentes dos recursos naturais e tamén as responsábeis do traballo de coidados. É necesario pois, que na loita contra o cambio climático, fagamos valer tamén unha perspectiva de xénero que poña as nosas vidas no centro.

Se cadra a día de hoxe a crise pandémica diluíu a emerxencia da crise climática, mais non deixa de estar relacionada e tamén nos amosa claramente como as situacións de catástrofe afectan aos grupos máis vulnerábeis. O sistema económico e político antepón sempre o beneficio e o crecemento sen límites sobre as nosas vidas. Patriarcado e capital buscan de xeito paralelo a explotación da natureza e das mulleres e nesta subordinación común atopamos outro nexo entre o feminismo e o ecoloxismo.

En relación á explotación dos recursos naturais, tamén cómpre reparar no papel fundamental das mulleres na produción de alimentos (as mulleres rurais son responsábeis de máis do 50% da produción global). Deste xeito, dende o movemento feminista reivindicamos a soberanía alimentaria como un dereito. Soberanía para como pobo ter a capacidade de controlar a nosa produción agrícola, xerando riqueza e xustiza social,  e poñendo en valor o traballo das mulleres no medio rural. Isto por suposto repercute nun consumo de proximidade, máis responsábel  e nun modelo baseado nunha economía circular e feminista.

Defender o medio é defender a vida, e as mulleres galegas levamos séculos exercendo o coidado do terra. No noso país a resistencia tivo sempre nome de muller, pois somos sabedoras do que é ser oprimida. Sempre tomamos parte na defensa da terra e do territorio (as mulleres protagonizamos as revoltas campesiñas, estivemos nas Encrobas, na loita contra as minas…). Entendemos as raíces comúns das opresións e que para sermos libres temos que rachar coas cadeas que aprisionan tanto os nosos corpos como a nosa terra.

Leave a Reply

Your email address will not be published.