“Democracia en Catalunya” artigo de André Abal

Andre Abal, responsábel do BNG-Emigración

Entramos na recta final do proces de independencia con 48 horas históricas no Parlament de Catalunya, que aprobou dúas leis chave que por si mesmas dan por superado temporalmente o marco estatal español, e de maneira definitiva no caso de gañar o si a independencia no referendo.

Esta é a culminación dun proceso exemplar dende o 2012 por varios motivos, no que atinxe as garantías democráticas das catalás e cataláns, polo intento até o derradeiro momento de que esta votación fose acordada polo Estado co fin de que se normalizará o que é normal, que os colectivos humanos poidan decidir libremente o seu futuro; mais especialmente por terse desenvolto pacificamente, poucos procesos de independencia no mundo non veñen impostos, provocados ou determinados por conflitos armados.

O que está a acontecer en Catalunya, non o esquezamos, tócanos a todas a nivel persoal en tanto non vamos moi sobradas de capacidade de decisión sobre calquera eido colectivo e toca tamén a unha parte dun ecosistema político mundial; a antítese a globalización é a soberanía, e mentres Macrón insta as súas embaixadoras a que non defendan unha soberanía nacional que para el foi substituída por un conglomerado de intereses europeos, ou mentres o estado español non deixa de ceder soberanía a Unión Europea e a banca mundial, Catalunya pula por recuperar a súa e decidir de xeito democrático o seu futuro, porque a soberanía nacional claro que existe, pero tense que loitar por ela.

E cando se di soberanía nacional pódese entender simplemente coma dereitos, moitos deles que hoxe nos parecen básicas, coma xuntarnos unhas cantas a falar cando e do que queiramos ou que non nos manden obrigatoriamente un par de anos o exercito tamén se tiveron que loitar, xa sen falar dos dereitos que tiveron que gañarse as nosas nais e avoas.  E por iso, cando o marco de convivencia é restritivo, inxusto e antidemocrático, o único que se pode facer é superalo.

A estas alturas é de sobra coñecido que a “transacción” foi algo así coma un acordo de bar entre franquistas e algo chamado esquerda española co exercito facendo de dono do bar; saíndo unha especie de “cafe para todos” pero por se acaso que o cafe o sirvan os mesmo.

Pasaron 40 anos e sigue a ser un estado fallido –excepto para as elites claro-, con rei en pleno século XXI, leis “legais” que limitan liberdades básicas é un partido-mafia enquistado no poder, o curioso é como a iso chamado esquerda española ,como vimos estes días no Parlament de Catalunya, seméllalle mellor opción que unha República nada dun proceso constituínte democrático e popular.

Amais destas leis “legais” tamén existen como pasa sempre que a algunha élite lle queres quitar algún beneficio –lease corruptelas, concesións públicas ou que non exploten a ninguén-, as leis “ilegais” -segundo estas elites claro-; onte a tarde o Tribunal Constitucional anulou a lei do referendo –ademais de outras medidas- e hoxe con toda seguridade fará o mesmo coa de transitoriedade xurídica, que ampara o proceso constituíndo no caso de gañar as partidarias da independencia, a cuestión e que iso xa non importa, ese marco en Catalunya rematou.

 Iso explica que a maior preocupación da Policia Nacional e a Guardia Civil sexa requisar esas armas de destrucción masiva con forma de urnas e papeletas, por iso levan dende xullo vixiando e rexistrando todo o que sae dunha imprenta en Constantí, Tarragona, onde pensan que se están a construír os artefactos. Pero iso tampouco importa xa, poderán anular o que queiran, inhabilitar a quen queiran, suspender a autonomía de Catalunya, pero o final con isto dos dereitos e das soberanías nacionais, o povo e quen máis ordena, e está a piques de facelo.

Polo de pronto, até iso chamado esquerda española está a aprender que hai democracias de poñer urnas, e hai outras de quitalas.