Denunciamos o comezo dos lumes forestais en maio do 2018

No día de onte tivemos coñecemento do incendio producido na localidade luguesa de Guntín, a día 7 de maio deste 2018. Comprobamos unha vez máis como tras unhas importantísimas vagas de lumes no outubro do ano pasado como non se están a levar a cabo políticas de prevención reais. Mentres a Xunta só impulsou no Parlamento unha comisión de investigación que non tomou ningunha medida real a día de hoxe, o monte galego volta a arder á altura do mes de maio, consolidando así unha tendencia que estamos a constatar nos últimos anos, que é que os lumes xa non só se concentran nos meses de verán.

Dende Galiza Nova témolo claro, a mellor forma de loitar de xeito eficaz contra os incendios é ter un monte ordenado, produtivo e con usos multifuncionais. Para frear de forma efectica os lumes é necesaria unha ordenación real do territorio coa delimitación de agrario e forestal e prohibindo a forestación das terras agrarias. Recuperar o diálogo coas comunidades veciñais con titularidade do monte en Galiza co obxectivo de superar o modelo de convenios e o apoio de novos proxectos baseados en diferentes usos do monte. Actuar contra a fragmentación do monte galego, crear unha cerficación forestal galega e pública e un plan de usos e aproveitamentos multifuncionais do monte, onde gañen peso as madeiras nobres de árbores autóctonas e de calidade.

En definitiva, propoñemos maiores medidas de prevención ao longo do ano, así como un pacto de país para a ordenación modelo forestal e usos do monte galego, e así evitar traxedias como a ocorrida esta fin de semana en Portugal, e facer que os nosos montes sexan verdadeiramente produtivos, dándolle beneficio económico ao conxunto do povo galego.