Denunciamos a agresión machista na manifestación do 25N en Vigo

O pasado 25N decorreu polas rúas de Vigo, do mesmo xeito que noutros puntos do País, a manifestación contra as violencias machistas propia deste día. O normal sería pensar que unha manifestación deste tipo é un espazo libre de violencias, libre de que se poidan producir situacións machistas, pero non foi así.

Deixando de lado que o alcalde Abel Caballero decidira acender o propio 25N as luces de Nadal que tanto tempo levaba desexando, podendo buscar outra data que non coincidira cun día tan necesario e cun significado xa establecido como o do 25N, na propia manifestación tivo lugar unha agresión.

A agresión consistiu en que un home se achegou a dúas mozas simpatizantes de Galiza Nova de dezaseis anos que levaban unha bandeira do BNG ao comezo da manifestación á que se desprazaran dende Moaña. Dito home arrincoulles a bandeira da man co argumento de que “esta non era unha manifestación de partidos políticos”. Ámbalas dúas non souberon como reaccionar ante un home que exerceu unha posición de poder pola súa condición de home e pola súa idade no medio dunha manifestación feminista, cunha actitude totalmente paternalista.

O principal problema reside en que por que este home non se achegou a compañeiros (en masculino) do BNG a dicirlles exactamente o mesmo ou a intentarlles retirarlles a faixa ou outras bandeiras do BNG portadas por homes? Por que escolleu dúas mulleres e de menor idade ca el? Para Galiza Nova e o BNG, todas as agresións son igual de importantes, porque este tipo de conductas que a priori poden parecer secundarias ou menos daniñas, son as que
acaban conducindo a comportamentos máis graves. Cadaquén é libre de levar o que queira a unha manifestación sempre e cando sexa respectuoso coas demais persoas que se manifestan, e ninguén ten dereito a retirarlle nada a ninguén.

Demóstrase unha vez máis que falta moito percorrido por andar para que datas como o 25 de novembro non sexan necesarias. Hai moitas violencias que eliminar para poder afirmar que a igualdade real chegou. Ata entón, seguiremos traballando e respondendo a tódalas agresións.

Feminismo sen tregua para liberar Galiza!