Denunciamos a detención de Willy Toledo por parte das autoridades españolas

No día de hoxe vén de ser detido no seu domicilio o actor Willy Toledo tras negarse a ser xulgado por motivos políticos. Acúsaselle de afrenta contra os sentimentos relixiosos tras unhas declaracións nas redes sociais. Toledo rexeitou en dúas ocasións o chamado a declarar entendendo que era unha denuncia sen sentido, pois era para defender personaxes relixiosos que non existen na realidade, o estado reaccionou cunha orde de detención que finalmente se produciu no día de hoxe, un día antes de poder entregarse voluntariamente.

Vivimos, pois, un novo ataque á liberdade de expresión no estado español, que evidencia aínda máis o seu carácter antidemocrático e ditatorial. Son moreas os presos políticos que existen na actualidade no estado, dende persoas encarceradas polas súas opinións nas redes sociais até artistas represaliadas polos contidos das súas letras, ou por actos pacíficos de protesta como é o caso das 19 de Meirás. Porén, o caso máis significativo son as persoas que se atopan na cadea por defender o dereito á autodeterminación e independencia da súa nación.

Cada día avanza o recorte nas liberdades públicas en especial dende a aprobación da Lei Mordaza implantada polo anterior goberno do PP que permite entre outras cousas a detención de persoas por opinións trasladadas a través das redes sociais e endurece as penas para todo tipo de protesta social. Cabe salientar tanto que o actual goberno do PSOE tampouco ten pensado derrogala, sendo un síntoma máis de que o novo goberno non vai ser máis que xestos de cara á galería; como que o carácter antidemocrático e represor no estado non son nada novo, pois foi Suso Vaamonde, cantautor galego, o primeiro en se exiliar polo contido das súas letras nos anos 80, na mesma década na que foi detido o dirixente do BNG Francisco Rodríguez acusado de queimar unha bandeira española durante o que xa era coñecido como a democracia española, e mesmo cun goberno do PSOE.

Dende Galiza Nova reivindicamos a posta en liberdade da totalidade das presas políticas que existen no estado español, así coma a volta á terra das exiliadas e a derrogación da Lei Mordaza. Porén, coa estrutura existente no estado español, herdada directamente do réxime franquista somos conscientes da imposibilidade da consecución dun estado que respecte tanto na teoría e na práctica as liberdades públicas, polo que como mozas nacionalistas seguiremos a loitar pola independencia nacional, consituíndo unha República Galega na que a liberdade de expresión estea garantida e non existan máis presas de conciencia.