Denunciamos a agresión machista e a posta en liberdade do violador no Armadiña Rock

Mais unha vez, unha compañeira vén de sufrir unha agresión sexual durante un acto festivo, neste caso no Armadiña Rock en Combarro. Un home de 38 anos aproveitou un recuncho escuro da zona da acampada para ameazar á rapaza e intentar agredila fisicamente, mais a rápida resposta da vítima e das súas compañeiras foi vital para evitar danos maiores e, posteriormente, para lograr identificar ao agresor. Este foi detido pola Garda Civil, e despois da súa declaración e da vítima e as testemuñas, foi posto en liberdade.

Novamente estamos asistindo a un caso no que a nosa seguridade queda nun segundo plano. Sobran os exemplos nos que a xustiza patriarcal nos deixa desprotexidas ante os agresores. Sabemos que as nosas vidas non lle importan a un sistema que se sustenta sobre os privilexios do patriarcado. Que podemos esperar dun goberno que para loitar contra as violacións non é quen de facer máis que crear un aplicativo móbil que nos dá consellos ás mulleres para evitar ser agredidas? Non vos vistades de xeito provocativo, non vaiades a sitios escuros de noite, non camiñedes soas. Estamos fartas deses “consellos” que só buscan limitar a nosa liberdade.

É precisa a adopción de medidas integrais efectivas que combatan o machismo inserido nesta sociedade e pulen por un outro modelo de relacións entre as persoas baseado na equidade. Necesitamos ademais dun sistema xudicial concienciado coa violencia machista, e non unha xurisprudencia coma esta á que estamos asistindo, na que se nos demostra constantemente que as nosas vidas non son prioritarias.

Desde Galiza Nova queremos mostrar a nosa solidariedade máis sincera coa compañeira agredida e condenar de xeito enérxico esta agresión. Chamamos á mocidade galega á saír á rúa para denunciar todas as violencias machistas que pretenden limitar as vidas das mozas e mulleres. A concentración terá lugar na praza da Chousa en Combarro, ás 21h.

 

FEMINISMO SEN TREGUA!

 

Leave a Reply

Your email address will not be published.