Denunciamos novos vertidos de sosa cáustica no río Tea en Mondariz

peixes_mortosUn roteiro pola beira do río Tea organizado por Galiza Nova pretende dar a coñecer a problemática da contaminación no Tea, así como denunciar os vertidos deste venres.

O responsábel da asemblea local de Galiza Nova en Mondariz, Mauro Chivite, alertou do último vertido contaminante no río, desta vez de sosa cáustica, e que se produciu a mañá deste venres no paso do Tea por Mondariz, a poucos metros da praia do Val.

Segundo indica Chivite, “o vertido afectou directamente a miles de seres vivos, xa que matou varias clases de peixes que se atopaban no leito do Tea ao seu paso por Mondariz e Ponteareas”.

Segundo indicaron axentes do Seprona a Galiza Nova, “este vertido desaconsella o baño nas augas do Tea cando menos durante tres días”. Lembramos que a praia do Val xa non estaba apta para o baño. “Esta situación súmase á mala calidade das augas que xa tiña a praia do Val, que ven de suspender en repetidas ocasións as análises de calidade realizadas pola consellería de Sanidade”, concluíu Mauro Chivite.

Desde Galiza Nova esiximos responsabilidades ante este novo atentado ecolóxico para un espazo natural como o Tea, considerado a nivel europeo Lugar de Interese Comunitario, protexido pola rede Natura 2000 e que conta con especies en perigo de extinción e seriamente ameazadas.

peixe_flotando

Seprona_rio
praiapeixes_lixo