As conmemoracións do Orgullo LGBT lembran as revoltas que tiveron lugar en New York, na discoteca Stonewall Inn. Foron as mulleres trans negras aliadas co resto de minorias discriminadas da cidade, con drag-kings e drag-queens, gais latinos, mulleres lésbicas e bisexuais, quen iniciaron unha serie de manifestacións o 28 de xuño de 1969 en contra das forzas da orde que pretendían limitar os seus dereitos no clima dunha forte represión policial. Estes disturbios deron paso a unha corrente de loita polos dereitos LGBT que iniciou a nosa historia moderna occidental, motivo polo cal, 51 anos máis tarde, celebramos este día como o Día do Orgullo LGBT.

E máis de medio século máis tarde, continuamos a precisar este día de reivindicación e loita, de combate a toda a LGBTfobia que soportamos. Desde brincadeiras ata agresións físicas, e dun xeito cada vez máis virulento, discursos de odio vertidos nas redes sociais en contra nosa, en contra dos nosos dereitos, elevados, ademais, nunha corrente reaccionaria, ao plano institucional, tendo que soportarmos aínda a día de hoxe como tales discursos son capaces de poñer en cuestionamento temas xa superados.

Esta loita polas nosas liberdades sexuais vai da man da loita feminista, da loita nacional e da loita de clase e da loita antirracista e a prol dos dereitos das persoas migrantes. Non podemos entender unha data coma esta sen esixirmos tamén o noso orgullo de sermos libres loitando por unha vida LGBT propia nunha Galiza ceibe, podendo relacionarnos e expresarnos no noso idioma e reivindicando e dignificando a nosa memoria LGBT. Do mesmo xeito, non imos tolerar que baixo a nosa bandeira se continúe a situar o capitalismo nun intento de fagocitalo todo. 

Queremos rachar con este sistema corrupto que leva inserido no máis profundo do seu ser a violencia, este sistema que protexe a partidos políticos e organizacións LGBTfóbicas e as financia con diñeiro público, erixindo á ultradereita aos estrados mentres nos agrede. Queremos unha República galega na que sermos libres, na que poidamos mostrarnos abertamente orgullosas da nosa sexualidade e da nosa identidade de xénero. Queremos vivir nunha Galiza soberana, onde se respecten todos os nosos dereitos, sen vérmonos atacadas por ser trans nin por ser lésbicas. Recollendo a herdanza que nos deixaron as nosas compañeiras, seguiremos en pé loitando ata estarmos libres de toda explotación.

Leave a Reply

Your email address will not be published.