Día da Visibilidade Lésbica 2018

Hoxe conmemórase o Día da Visibilidade Lésbica e dende a Asemblea LGTBI de Galiza Nova sumámonos a esta xornada de reivindicación co conxunto de axentes que na nosa nación e no mundo loitan a prol das liberdades sexuais e da superación de prexuízos e estereotipos que exclúen e agriden as persoas que non encaixan no modelo de familia heteropatriarcal.

Dentro da discriminación que sofre o colectivo LGTBI, non podemos esquecer que, máis concretamente, as mulleres lésbicas galegas padecemos unha cuádrupla opresión: polo feito de sermos mulleres, por termos unha sexualidade que non se axusta á norma estabelecida, por vivir nun sistema capitalista que oprime as clases populares, así como por vivirmos na Galiza, unha nación que constantemente ve negada a súa soberanía. Mulleres coma Marcela e Elisa, que desafiaron a moralidade e a legalidade do comezo do século XX para poderen vivir a súa sexualidade libremente.

No seo desta sociedade cisheteropatriarcal, a nosa sexualidade só se recoñece cando se comercializa e se deseña para satisfacer o desexo masculino, converténdonos en obxectos sexuais ao servizo da industria. Cando non resultamos axeitadas para esta comercialización, ocúltasenos simulando unha simple amizade, amparándose no cliché machista de que non podemos ter unha sexualidade plena sen contar cun individuo masculino.

Esta disciminación vese reforzada coas políticas reaccionarias, misóxinas e heteropatriarcais impostas polos  obernos do Partido Popular. Cómpre lembrarmos que a reforma sanitaria, procedente do goberno do PP do estado español, exclúe dos tratamentos de reprodución asistida a todas as persoas que non se enmarquen no modelo de familia heteronormativa, defendida pola dereita máis rancia. Tamén é preciso pór de manifesto a invisibilización que padecemos dentro do sistema sanitario, nomeadamente ao acceder ás consultas xinecolóxicas.

Dende a Asemblea LGTBI de Galiza Nova avogamos por un modelo de familia e de relacións entre as persoas que supere os prexuízos e as categorías que fomenta o sistema opresor no que vivimos. Amosamos o noso compromiso de loitar por unha sociedade libre, xusta, equitativa e solidaria na que ningunha persoa sexa excluída ou discriminada pola súa sexualidade ou identidade de xénero. Por iso, reivindicamos a soberanía dos corpos e tamén unha sexualidade libre, segura e gozosa.

Neste 26 de abril, construíndo o noso orgullo!