Día Galego da Visibilidade Lésbica

Hai xa máis dun século, un día coma hoxe casaron na Coruña Elisa e Marcela. Desafiando todas as normas morais e legais vixentes, Elisa fíxose pasar por home e casou con Marcela, case un século antes de que o matrimonio igualitario estivese recoñecido na lexislación. Mais este feito tivo consecuencias, e as dúas mozas tiveron que fuxir, primeiro a Portugal e despois a Arxentina, polo acoso ao que se viron sometidas.

A historia de Marcela e Elisa convertiuse nun símbolo internacional por se tratar do primeiro matrimonio lésbico do que se ten rexistro. Desde hai anos o movemento LGBT galego vén desenvolvendo homenaxes a Marcela e Elisa coincidindo coa data do seu casamento a través dos que dar visibilidade á diversidade sexual e de identidade de xénero mais tamén continuar a defender os dereitos do colectivo LGBT, especialmente das mulleres.

Na memoria de Elisa e Marcela, e na de todas as que nos precederon, celebramos hoxe o Día Galego da Visibilidade Lésbica. Somos mulleres nunha sociedade machista e patriarcal que desafiamos cada día para sermos libres. A nosa sexualidade vai máis alá do que determina a heteronorma, e baixo ningún concepto é un produto de mercado para o goce masculino. E a isto sumamos ser galegas nun estado que nos nega os nosos dereitos nacionais, e de clases populares que loitamos pola fin do sistema capitalista. Precisamos ser visíbeis neste sistema que nos uniformiza e nos oprime, que busca someter tanto o xénero e a sexualidade, coma a  a nosa nación e a nosa clase baixo o seu xugo.

Desde Galiza Nova continuamos na loita por unha república galega, co compromiso firme de conseguir unha sociedade libre, xusta, equitativa e solidadaria na que ninguén sexa disciminado pola súa sexualidade ou identidade de xénero. Somos galegas, somos orgullosas e somos visíbeis!