Neste día de reivindicación e loita non podemos esquecernos do combate á LGBTfobia. Desde Galiza Nova sumámonos a esta data de conmemoración internacional para demandar o fin das violencias sufridas por mor da nosa orientación sexual e identidade de xénero.

A necesidade de visibilización das sexualidades disidentes coa heteronorma continúa a estar plenamente vixente, cando se conmemoran tres décadas desde que a Organización Mundial da Saúde retirou a homosexualidade da clasificación das enfermidades psiquiátricas. Mais cómpre remarcar que este organismo aínda a día de hoxe considera a transexualidade como un trastorno, patoloxizando a súa identidade, a pesar das continuas demandas do colectivo trans para que isto sexa modificado.

Atopámonos a día de hoxe nunha situación na que o discurso da extrema dereita se ve reforzado e validado en certos sectores da sociedade, e como consecuencia estamos a vivir un aumento da LGBTfobia que xa debía ter sido erradicada na nosa sociedade. As persoas LGBT enfrontámonos a agresións constantes diariamente, dende brincadeiras “inocentes” ata ataques directos desde persoas, organizacións e institucións, ou incluso partidos políticos. 

Ademais, nesta situación de confinamento obrigatorio, moitas compañeiras víronse abocadas a regresar ao domicilio familiar tendo que soportar estas violencias procedentes do seu núcleo máis próximo, ou directamente volvendo a «pecharse nun armario» por non ser a súa familia coñecedora da súa sexualidade ou identidade de xénero. Non podemos permitir que vivir libremente sexa considerado aínda como un privilexio só accesible a unha minoría. 

Desde Galiza Nova traballamos para acadar unha sociedade na que a nosa sexualidade e a nosa identidade de xénero non sexa nin un tabú, nin un motivo de represión; e reiteramos o noso compromiso de loitar por unha sociedade libre, xusta, equitativa e solidaria, combatendo a LGBTfobia para que ningunha persoa sexa excluída ou discriminada pola súa sexualidade ou identidade de xénero.

Leave a Reply

Your email address will not be published.