Apoiamos a convocatoria da Marcha Mundial das Mulleres polo día da muller antimilitarista

Partillamos a convocatoria do acto da Marcha Mundial das Mulleres hoxe ás 19:00h na Praza da Princesa (Vigo). Música, poesía e textos polo día da muller antimilitarista baixo o lema “Nin guerra que nos mate, nin paz que nos oprima”.

É unha data de denuncia contra o sufrimento dos pobos nos conflitos, así coma das múltiples violencias ás que son sometidas as mulleres nas guerras e que en moitos casos non están visibilizadas.

Dende a Marcha Mundial das Mulleres, conmemoramos neste 24 de maio, como todos os anos, o día da muller antimilitarista. E denunciamos a violencia e guerras nas que o poder económico amasa beneficios a costa do sufrimento dos nosos pobos.

A industria armamentística, da que os estados son cómplices, move miles de millóns sendo unha das máis rendíbeis do mundo. Como vender todo este arsenal nun mundo en paz? Precisamos conflitos consumidores. Así, aliméntanse guerras como as de Siria, Sudán, Yemen, Congo…onde o beneficio é dobre. Un mundo en paz, enriquece ao pobo. Un mundo en guerra, enriquece ao grande capital. Da guerra e o conflito come a empresa armamentística, máis tamén come a petroleira, e todos os sectores que dispoñen de materias primas a prezo de espolio.

Nos conflitos armados as mulleres sufrimos dobremente. Un mundo en paz, empondera as mulleres. Na guerra, as mulleres somos saqueadas: os nosos fogares, o noso traballo e, o máis terrible, o noso corpo, convértense en botín de guerra. En todos os conflitos armados, miles de mulleres son violadas, escravizadas, prostituídas… sufrindo abusos inimaxinables. Esta violencia goza, porén, de total impunidade, sendo inexistentes os casos nos que os culpables son xulgados ou os seus actos teñen algunha consecuencia.

Denunciamos, así mesmo, que non consideramos que vivimos en paz nun mundo desigual e inxusto. É violencia a explotación laboral, a pobreza. Cando se apoia un réxime corrupto ou autoritario, estase a disparar contra a poboación. Cando se desposúe a un país dos seus recursos, está a ser bombardeando. A fame nun país, é guerra. A falta de liberdade de expresión é guerra. A opresión e falta dos dereitos das mulleres é guerra.

Convidámoste a que este 24 de maio, na Praza da Princesa, a partir das 19:00 h. participes connosco nun acto para commemorar este día no que contaremos con música, lectura de textos e poesía. Agardamos contar contigo e que nos axudes a difundilo.

“Nin guerra que nos mate, nin paz que nos oprima”

Leave a Reply

Your email address will not be published.