“E, de novo, Venezuela” artigo de Navia Rivas

Navia Rivas é a responsábel de Internacional de Galiza Nova e integrante da Dirección Nacional

Vímolo no vídeo. O presidente Maduro daba un discurso en Caracas polo 81º aniversario da Garda Nacional Bolivariana. Televisado, claro, e vese perfectamente a explosión e como tratan de levalo e poñelo a salvo.

O presidente de Venezuela sufriu un atentado o pasado sábado, un intento de asasinato.  Afortunadamente saíu ileso, aínda que sete persoas resultaron feridas, das cales tres quedaron en estado grave. O goberno venezolano afirma que tódolos responsables do atentado están identificados, e detivo a seis persoas implicadas no mesmo.

Dito ataque foi reivindicado por un grupo autodenominado “Soldados de Franela”, apuntando que o obxectivo era o palco presidencial mediante o uso de dous drons cargados de explosivos, segundo sinalou TelesurTV. Maduro apuntou a grupos que operan en Venezuela desde os EUA, envolvendo a dereita venezolana e colombiana.

Está perfectamente claro, esta vez incluso foi recollido en directo pola televisión do país, así que non haberá dúbidas do que aconteceu, non?

Pois non. Non, segundo os medios.

Os titulares, lonxe de tratar con rigor a gravidade da situación, contiñan unha linguaxe, cando menos, curiosa:  “Houbo unha explosión durante un discurso de Maduro”, ou “Nicolás Maduro declarou ter sufrido un atentado”, coma se os atentados fosen unha cuestión de percepción. Se se tratara doutro dirixente político, os titulares serían semellantes? Sería un “presunto” ataque cuestionado en todo momento? É máis: non nos recorda demasiado a aqueles “morre unha muller de sete coiteladas”?

E esta é a verdadeira pregunta neste asunto: non será que o sistema utiliza a linguaxe de forma interesada dependendo da imaxe que nos queira ofrecer dos feitos?

Non, non foi “unha explosión”, e se o obxectivo da mesma fose un mandatario afín ó sistema os titulares serían moi diferentes, e tampouco nos ocultarían que houbo unha marcha multitudinaria en apoio ó Presidente Maduro e en repudia ó atento de asasinato. O que aconteceu o sábado foi un intento de asasinato cara o presidente electo dun país. Non deixa de ser un intento de magnicidio e un acto de terrorismo frustrado no que, tal como se declarou desde o Ministerio do Interior de Venezuela, os “terroristas e sicarios pasaron a un nivel superior, aumentando a espiral de violencia”.

Mentres deixamos que sexan os medios do sistema quen decide contra que nos indignamos, perdemos capacidade de termos opinión propia e conciencia da importancia da xeopolítica e de coñecermos os intereses que hai detrás de tanto movementos sociais e políticos como dos relatos que nos chegan dos mesmos.

As noticias sobre América Latina, e en concreto sobre Venezuela, son todas feitas desde a mesma óptica. En contra, porque Venezuela hoxe en día molesta. O que está claro é que o imperialismo non dubida en meter o fuciño cando algo se move e non na dirección dos seus intereses. Acontece algo semellante en Nicaragua, onde é certamente complexo obtermos información fiable no medio dun conflito que vai máis alá das fronteiras do propio país.

No de Nicaragua, sendo dtamén un caso “mediático”, custa ver algo de claridade entre as noticias que nos chegan sobre o que está a acontecer alí. Nos mass media tíldase de ditatorial e autoritario sen contemplacións o “réxime de Ortega-Murillo”, e fálase do aumento do número de mortes, ataques á Igrexa, etc. Mais custa atopar outra versión dos feitos ou incluso un relato ben respaldado en datos do mesmo. Non atoparemos medios sistémicos que nos digan que o protagonismo do movemento xa non é do eido estudantil, senón que está capitaneado por grupos armados vinculados ós que controlan o tráfico de drogas e operan en El Salvador, Honduras e Guatemala, nin nos dirán que antes desta situación Nicaragua era xunto con Cuba e Costa Rica o estado máis seguro do continente. Nas cifras de mortes que se dan non se contempla a mans de quen foron, dando a entender que todas parten de forzas róximas ó goberno cando non é así, tamén se fala dos ataques á igrexa e non dos sacerdotes e autoridades eclesiásticas que alimentan o conflito. Visualízanse os opositores a Ortega pero non as voces apoiantes en mobilizacións tan ou máis representativas e que reclaman a fin da violencia. E un longo etc.

Do mesmo xeito, non nos dirán de Venezuela que o atentado contra o presidente Maduro parte de grupos terroristas con sede e moi ben contactados cos EUA, nin nos explicarán os motivos polos que podería interesar “eliminar” o actual presidente do país.

A que responde tanta manipulación? Esta é fácil: a que non queren que saibamos que as cousas poden mudar. A que é máis fácil facernos crer que a realidade que vivimos é a única posible, a que é máis útil ternos conformes no sofá, mirando polo propio e pouco máis, facendo o que se pode para seguir igual. A matarnos as ansias de aspirar a máis, a un país máis xusto e rico, a un mundo mellor.

É ben certo, o imperialismo sempre busca a maneira de meter o fuciño cando algo se move. Nestas circunstancias, estarmos sempre alerta non é só aconsellable, é vital. Mentres quede espazo para abrirmos un chisco os ollos, poderemos combater o discurso do sistema e vermos as cousas dun xeito diferente. Non lles daremos o gusto de deixarnos enganar e crer o primeiro que nos aparece diante dos ollos. Cando algo se mova, estaremos alerta. Cando o movamos nós, estaremos aí.