É necesario crear traballo en Covelo

coveloAlex Osorno e Laura Santiso encabezan a candidatura do BNG-Asembleas Abertas no Covelo. Teñen 21 anos, grandes conviccións e moitas ganas de transformar o concello en favor da veciñanza.
Alex é o candidato á alcaldía do Covelo, onde naceu en 1993. Está estudando o ciclo superior de Administración e finanzas, comprometido coa veciñanza de Covelo e colabora con todas as iniciativas da zona. Na candidatura séguelle Laura, nada no 1993. É Técnica Superior en Xestión e organización dos resursos naturais e paisaxísticos. Comprometida coa súa aldea, Prado da Canda, é colaboradora activa da asociación veciñal e da comisión de festas.

-Cales son as principais problemáticas que afectan á veciñanza do Covelo e por que decidiches dar o paso adiante que supón encabezar a candidatura do BNG Asembleas Abertas?

-Alex: As principais problemáticas da veciñanza son as carencias cotiás coas que teñen que lidiar: que ande o gando polas estradas, que estean os camiños sen limpar, que non haxa movemento, que non se fomenten actividades, etc… A falta de iniciativas, a falta de recoñecemento e posta en valor dos recursos cos que contamos como municipio, e o máis importante, que non se teña en conta a opinión da xente maior no que se refire ás súas necesidades de cara ao día a día. En definitiva, aquelas necesidades básicas que afectan de xeito significativo o benestar da nosa xente.

Dei o paso de encabezar a candidatura porque este pobo necesita dun grupo de xente entusiasmada por mellorar e favorecer a cada veciña e veciño para que se sintan a gusto e apoiadas e apoiados no seu municipio. Eu conto coa gran sorte de ter un gran respaldo dos meus compañeiros e compañeiras do partido, que se miran moi ilusionados/as e con ganas de loitar e mellorar, pero tamén co apoio que me dá a miña familia, que é moi grande; do mellor.

-E cales son as máis importantes problemáticas e preocupacións da mocidade no Covelo?

-Laura: No tocante á vida laboral, cabe facer incapé na deixadez por parte do concello de abrir frontes nos que poder empregar e preparar a xuventude. A mocidade vemos con resignación e certa morriña como temos que desapegarnos do noso, neste caso, das nosas aldeas, para gañarmos o pan, axudar á familia ou tamén para engordar o noso curriculum. Un tanto do mesmo pasa no ámbito social e cultural, xa que non se están sabendo aproveitar os recursos dos que dispoñemos, que non son poucos, para motivar a xuventude e atraela. Consecuencias? Desgrazadamente, Covelo, no correr de cada ano, diminúe o índice de mocidade, que pasa a ver o noso concello como destino de fin de semana ou de descanso, porque, como dicimos, ninguén dende o mandato aposta por ela. Non hai máis que botar unha ollada ás recentes prácticas de lecer e tempo libre levadas a cabo nos anteriores anos, que lonxe de estar promovidas polo municipio, coas pertinentes subvencións ás que se podería optar, fanse viábeis, nalgunhas ocasións, grazas ao interese e ao tesón das propias veciñas e veciños, esas persoas de a pé que seguen dende á sombra, loitando polos intereses de todos nos.

-Perante esa realidade que describides, que propoñedes desde o BNG-Asembleas Abertas para a mocidade?

-Laura: Covelo ten unha desmesurada necesidade de crear postos de traballo, e non soamente cara aos e ás cidadás, senon tamén como entidade; non o dicimos nós, falan os feitos: Somos un dos concellos máis probes do país. A vía correcta para erradicar esta crúa realidade pasa por fomentar obradoiros de emprego, cursos básicos e necesarios (prevención de riscos laborais, manipulador de alimentos, manipulador de productos fitosanitarios, infórmatica…), crear máis postos de traballo e no caso de xóvenes emprendedores/as, axudas e asesoramento de empregos sostíbeis, rurais, turísticos, renovábeis, ecolóxicos…

Por outra parte, o noso Concello conta cunhas instalacións para o ocio que non se están explotando. Unha boa forma de facer que a xuventude aposte por Covelo é creando, por exemplo, asociacións deportivas femininas e masculinas dos deportes máis practicados polas mozas e mozos, non pechando a porta a aquelas actividades con menos adeptas e adeptos.

É por elo, que usando as subvencións para o que realmente son concedidas (dato importante), pódense levar a cabo estas e outras moitas propostas polas que estamos loitando.
Somos xente nova con ideas novas, que queremos, entre outras moitas cousas, parar a emigración da mocidade.

-Como entendes a política municipal?

-Alex: Enténdoa como a forma que temos a xente que, de verdade, queremos loitar polo pobo para dar un paso adiante, mellorar e humanizar o espazo no que vivimos e no que queremos seguir residindo, aportando un funcionamento aberto, dinámico, participativo e proactivo.

A política é un campo moi sinxelo, só tes que escoitar, coidar e axudar ás veciñas e veciños. Temos que pensar que o concello de Covelo é pequeno, e o noso obxectivo é estar á disposición das e dos covenlenses.

-Como valoras o proceso das asembleas abertas impulsadas polo BNG e Galiza Nova, a través das cales, mozas e mozos coma vós, que non militades no BNG, decidides formar parte da candidatura?

-Alex: É unha gran iniciativa porque, con iso, dás pé a que a xente nova se anime a loitar polos intereses de todas e todos e defenderse ante este abuso de poder que teñen algúns. Esperamos que se unan ao BNG máis rapazas e rapaces, que nos apoien, que fagamos un bo formigueiro, así como as persoas de demais idade. DEPENDE DE NÓS un futuro mellor en Covelo.