‘é o momento de que xente nova tome as rendas do país’ Enrique Portela, candidato de Cuntis

_MG_4837Enrique Portela Pisos é o candidato do BNG-Asembleas Abertas ao Concello de Cuntis, onde naceu en 1988. En Cuntis ten desenvolvido un longo percorrido como activista político e social a través da participación na comunidade de montes da súa aldea e a través de Galiza Nova, onde é responsable local dende o ano 2012. Ademais forma parte da Asociación de Amigos do Museo de Pontevedra. É Licenciado en Historia pola USC, cun Máster de Profesorado en Educación Secundaria, Bacharelato e ensino de idiomas, e actualmente está cursando o Máster Interuniversitario en Historia Contemporánea.

Xunto a el, compoñen a candidatura outr@s moz@s coma Saleta Chao (estudante de Pedagoxía e membro do Consello Nacional do BNG), Carmen Campos (independente, traballadora do sector de servizos sociais), Abrahán Sande (estudante e músico), Vanessa Fuentes (independente, comerciante), Diego Torres (estudante, membro da Plataforma pola Recuperación do Patrimonio Termal) e Fernando Calvo (independente, desempregado).

-Por que decidiches dar o paso adiante que supón encabezar a candidatura do BNG Asembleas Abertas?

-Enrique Portela: Encabezar a lista do BNG-Asembleas Abertas en Cuntis non sería posíbel sen o apoio das compañeiras e compañeiros, que dende un primeiro momento me amosaron a súa conformidade e decisión de que debía de ser eu quen encabezase a lista. Creo que é o momento de que xente nova tome as rendas do país, de darlle un cambio a esta situación, sobre todo en Cuntis, onde a candidatura que presentamos é a única que representa o cambio real para o noso Concello. Os folgos e as ganas de traballar foron o que me animaron a encabezar este equipo que ten un proxecto real para Cuntis.

-Cal é a principal problemática da mocidade en Cuntis?

– Saleta Chao: A falta de oportunidades en todos os eidos e facetas da vida. As mozas e mozos de Cuntis non contan cunha oferta lúdica e cultural que permita que fiquen en Cuntis as fin de semana en lugar de trasladarse aos concellos veciños, e sobre todo, a mocidade de Cuntis non ve futuro en Cuntis, non hai oportunidades laborais, e moitas mozas e mozos xa tiveron que emigrar, non só a diferentes lugares do Estado Español senón tamén ao estranxeiro.

– Fronte a esa realidade, cales son as alternativas que defende o BNG-Asembleas Abertas para a mocidade?

– Diego Torres: En primeiro lugar apostaremos por unha oferta lúdica e cultural variada, coa realización de actividades como teatro, concertos, cine, etc.; que permita que a mocidade fique en Cuntis e lle dea vida ao concello. Fomentaremos tamén o deporte, sobre todo aqueles que teñen verdadeiro calado en Cuntis, coma o fútbol, atletismo ou a modalidade de BTT. Fronte ás altas taxas de desemprego, fomentaremos o comercio local, sacaremos adiante o Plan de Sectorización do Polígono Industrial, e apostaremos pola creación dunha cooperativa que permita por en funcionamento o Centro de Día, na cal participarán veciñas e veciños de Cuntis.

– É preciso que a mocidade se implique na política municipal para mudar a situación de Cuntis?-Como poden facelo?IMG-20150516-WA0003

-Abrahán Sande: En Cuntis todas e todos saben quen somos os de Galiza Nova. Saben que traballamos por defender os seus intereses e por buscar o mellor para a mocidade de Cuntis. Ademais é necesario apostar pola rexeneración do movemento xuvenil en Cuntis, para o cal cremos que é imprescindible que as mozas e mozos de Cuntis recuperen esa identidade e ese sentimento de ser de Cuntis. Iso faise con actividades, festas, actos culturais, etc.

– Como valoras o proceso das asembleas abertas impulsadas polo BNG e Galiza Nova, a través das cales, mozas e mozos coma ti, que non militades no BNG, decidides formar parte da candidatura?

– Fernando Calvo: A verdade é que dende o BNG e Galiza Nova de Cuntis sempre se tivo moi en conta a opinión de persoas que non militabamos. A posibilidade de formar parte da candidatura é unha proba máis de que o BNG non é un partido pechado, senón que realmente é o único partido que representa a sociedade.

– Carmen Campos: De maneira moi resumida, é a máxima expresión da democracia. Todas aportamos e contamos, damos opinións e debatemos. É esencial abrirse á sociedade en xeral.

– Vanessa Fuentes: Para min é algo moi importante. Eu son comerciante, e os únicos que se preocuparon pola miña situación, e polas trabas que temos para sacar adiante un negocio en Cuntis, foi o grupo do BNG e de Galiza Nova. Foron eles quen me convidaron a dar a miña opinión e a que esta fose tida en conta de verdade na programación dun partido político. Para min esa comunicación directa é esencial.

– Como entendes a política municipal?

– Enrique Portela: Para facer política o único que necesitas é ter ideas, é ter un proxecto, e no caso da política municipal o fundamental é estar do carón das veciñas e veciños, coñecer de primeira man os seus problemas e inquedanzas, e darlles unha solución o máis rápido posible. A política municipal é a máxima expresión do verdadeiro significado de ser e de facer política, a de axudar ao ben de todas e todos, velar polo ben común de todas as veciñas e veciños, e facelo nas súas necesidades básicas do día a día.

Leave a Reply

Your email address will not be published.