diego lourenzo

Diego Lourenzo: “Nunca Máis” fixo que tomase conciencia política e aí nace o compromiso que hoxe sigo mantendo e que me leva a encabezar a candidatura do BNG no meu concello, en Verín.

Diego Lourenzo Moura naceu en Verín no ano 1988. É Técnico Superior en Administración e Finanzas e, ademais, Graduado en Administración e Dirección de Empresas pola Universidade de Vigo. Actualmente traballa na Administración dunha empresa do sector alimentario.

Así mesmo, é concelleiro en Verín dende as municipais de 2011 e é membro do Consello Nacional do BNG.
Foi Responsábel comarcal de Galiza Nova en Monterrei e durante os anos de estudo participou da organización Estudantíl Comités da que foi o seu Responsábel de Campus en Ourense e membro do Claustro da Universidade de Vigo.

No seu tempo de lecer, Diego fai parte da Agrupación Cultural Candaira.

Por qué decidiches presentarte como candidato á alcaldía de Verín?

Nas eleccións municipais do ano 2011 ocupaba o número 3 na candidatura do BNG e pasei a formar parte da corporación, o que me axudou a formarme e a coñecer aínda máis o meu concello. Durante estes meses nos que se falaba da candidatura para estas municipais, saíu o meu nome e aceptei encabezar. É tempo de seguir mollándose, a mocidade ten que participar activamente en política como garantía de futuro.
Podemos dicir ben alto que o BNG é a organización que aposta abertamente pola mocidade. Un número importante de persoas que encabezan as candidaturas do BNG-AA son menores de 35 anos. O camiño demóstrase andando e penso que a nosa organización ten dado mostras de confianza na mocidade, da confianza no futuro, nun futuro diferente.

Cómo entendes a política municipal?

Moitas veces menosprézase a política municipal alegando que non ten suficientes competencias para exercer cambios políticos de calado, pero a realidade é ben distinta, e o BNG demóstrao. Dende os Concellos xestiónanse os servizos máis próximos á cidadanía, son a primeira cara da administración e con políticas asentadas na democracia directa e na proximidade si se poden deseñar actuacións para mellorar a vida das persoas.
O BNG-AA ten as cousas claras, defendemos modelos municipais distintos. Concellos que aposten por modelos participativos asentados no criterios de pór as persoas por riba de todo, que aposten polos servizos públicos e entendan a administración municipal como un elemento de equidistribución da riqueza e da cohesión social.
En definitiva, concellos abertos á cidadanía con deseño de políticas que repercutan no beneficio das maiorías socias. É por iso polo que dicimos que no BNG non só xestionamos ben alí onde gobernamos, senón que optamos por cambiar a sociedade, por facer as cousas doutro xeito e por implicar á cidadanía nesta mudanza do País.

Cal é o principal problema da mocidade en Verín e que alternativas lle ofrece o BNG-AA?

Dende o noso punto de vista, a mocidade de Verín ten, neste momento, un problema fundamental.
Ao igual que no resto do País, a mocidade só ve como saída a emigración. A falta de oportunidade na propia terra fai que as nosas mozas e mozos se teñan que ir fóra na procura dun futuro mellor. Condenaron a mocidade á emigración, expulsaron á xente máis moza e así, hipotecaron o futuro do noso País.
Fronte a esta política do desterro imposto, dende o BNG apostamos por construír Concellos onde a mocidade poida vivir e traballar dignamente. Acreditamos en modelos produtivos que permitan traballar dignamente. En Verín, o futuro do emprego pasa pola construción do Parque Industrial de Tamagos que foi posto en marcha polo goberno do BNG no Concello e na Xunta e que na actualidade se atopa paralizado.
É necesario establecer medidas urxentes para a empregabilidade da xente máis moza. Estas medidas teñen que pasar por elaborar plans de emprego adaptados ás realidades dos Concellos, potenciar a creación de bolsas municipais destinadas a titulad@s para executar proxectos vinculados ao municipio, apoiar os proxectos emprendedores ou crear servizos de seguimento da mocidade desempregada para garantir a súa introdución no emprego.

Leave a Reply

Your email address will not be published.