En nós non manda ninguén! Mobilízate polo aborto libre e gratuíto.

Presentación públicaO goberno do PP continúa a súa ofensiva contra os dereitos reprodutivos das mulleres pretendendo repenalizar o aborto

, por iso, desde Galiza Nova chamamos á mocidade galega a participar da manifestación nacional que terá lugar este sábado 28 de setembro, ás 17.30 horas desde a Estación de Ferrocarrís de Compostela, convocada pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto, da que a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova forma parte desde a súa creación.

Coa reforma anunciada polo ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, retrocederemos máis de 25 anos nos dereitos conquistados, e ao non poder abortar de maneira libre e gratuíta, as mulleres veranse obrigadas asistir a centros médicos privados e pagar ou levar a cabo este cese da xestación clandestinamente. Estamos ante un dereito que non pode ser cuestionado: o dereito a decidir sobre a maternidade, a decidir sobre nós mesmas e sobre a nosa vida! Non podemos aceptar as políticas patriarcais e reaccionarias que o goberno pretende implantar, que provocarán a perda de dereitos fundamentais das mulleres conseguidos con moitos anos de loita!