Processed with VSCO with c1 preset

ENCE quéimanos o futuro!

O futuro da mocidade galega foi sentenciado no pasado mes de xaneiro, cando o goberno en funcións do Partido Popular no Estado lle prorrogaba a ENCE a concesión de permanencia na Ría de Pontevedra por outros 60 anos. É inadmisíbel que unha decisión tan crítica para a sociedade galega sexa tomada á lixeira e por un goberno en funcións. Por iso milleiros de pontevedresas e galegas amosaron o seu rexeitamento enchendo as rúas de Pontevedra ao berro de “a Ría é nosa, e non da celulosa”.

Esta prórroga é un gran negocio para o Partido Popular e para os seus cargos públicos recolocados no Consello de Administración de ENCE, mentres que para o noso país supón un cancro que o mata progresivamente. Desde que o ditador Francisco Franco colocou a fábrica na Ría de Pontevedra tense destruído moito máis emprego –nos sectores pesqueiro, marisqueiro ou turístico– do que se ten creado, ficando o desenvolvemento destes plenamente imposibilitado na nosa Ría.

Todas as promesas de redución do impacto ambiental e paisaxístico que fai ENCE son promesas baleiras que leva corenta anos repetindo sen cumprilas, cando a realidade é que o saneamento integral da Ría de Pontevedra só se acadará poñendo fin á actividade do complexo ENCE – ELNOSA, ás súas emisións á atmosfera e ás súas verteduras por enriba do límite estabelecido pola lexislación vixente.

O peche de ENCE é a única opción de supervivencia para a Ría de Pontevedra, pero tamén para os montes galegos, fondamente afectados na perda da súa biodiversidade pola creación de monocultivos de eucalipto, que ademais favorecen a proliferación de incendios forestais.

ence foraPara respostar a isto, este sábado 4 de xuño temos unha nova oportunidade de saírmos á rúa na marcha contra ENCE organizada pola Plataforma ENCE Fóra da Ría Para Sempre, na que de novo debemos ateigar as rúas de Pontevedra e Marín. A mobilización social ten que ser unha das principais armas contra as decisións mafiosas do goberno español, mais tamén a oposición desde as propias institucións. Para isto precisamos recuperar a voz propia en Madrid este 26 de xuño con forzas como o BNG – NÓS Candidatura Galega, que teñan o seu centro de decisión na Galiza e deban a súa enteira lealdade ao pobo galego, tendo o compromiso de loitar en Madrid pola suspensión da prórroga.

O futuro que nos agarda se ENCE permanece por outros 60 anos na Ría de Pontevedra é un futuro sen saúde, sen emprego respectuoso co medio ambiente e que xestione os seus recursos de xeito razoábel, sen posibilidade de desenvolvemento para os nosos sectores produtivos, sen a recuperación da Praia de Lourizán, sen salubridade na Ría, sen biodiversidade e sen seguridade ante os incendios nos nosos montes. O futuro que nos agarda é un futuro queimado por ENCE, e desde Galiza Nova non estamos dispostas a resignarnos a que sexa así. Este sábado a voz da mocidade galega ateigará as rúas de Pontevedra xunto coa de todas aquelas persoas que crean no futuro da Galiza e da Ría de Pontevedra.

ENCE fóra da Ría xa!