Encontro con Ana Pontón e Festa Nacionalista no Baixo Miño

O próximo sábado 8 de Xullo, a mocidade do Baixo Miño ten dobre cita con Ana Pontón e Festa Nacionalista do Baixo Miño. Primeiro teremos a oportunidade de intercambiar reflexións sobre aspectos que a todas nos preocupan e sobre situacións que padece o conxunto da mocidade coa portavoz Nacional do BNG. Desde os últimos anos, a realidade das mozas galegas é cada vez peor: a falta de oportunidades para acadar un emprego digno e na terra que nos leva á emigración, a colonización cultural e lingüística, ou os inexistentes medios para levar adiante proxectos de vida no rural, que non beneficien a grandes empresas, deixan á mocidade sen dereitos nin futuro.

A análise por parte do nacionalismo é clara: os problemas estruturais da Galiza que derivan en que a xuventude sufra este tipo de ataques veñen dados pola súa situación colonial, onde non hai existencia de un proxecto para o pobo galego mais alá que seguir sendo unha fonte de explotación de recursos que se traducen en beneficios no exterior. Non é de estrañar polo tanto que cada vez mais, a mocidade galega participe activamente no proxecto nacionalista que representa o BNG e que encabeza Ana Pontón, onde as galegas nos facemos responsábeis de nós mesmas para decidir sobre o noso, a fin de mudar esta realidade que nos afoga.

A xornada comezará as 18:30 na Sala Xacobeo (Tui), cun encontro da mocidade con Ana Pontón, e de seguido dispoñeremos dun bus que nos transportará a Festa Nacionalista do Baixo Miño, que este ano se dará na Guarda, rematando ás 2 da mañá co regreso a Tui.

Anímate a participar desta xornada de convivio e loita!