Após presentar un proxecto borrador sobre o futuro do Sistema Universitario de Galicia (SUG), a Consellaría de Educación da Xunta de Galiza  decidiu dar un paso atrás no que significaba un dos maiores ataques á calidade do ensino universitario galego.

Co Programa de transformación á docencia innovadora no Sistema Universitario de Galicia pretendíase instaurar un sistema “de docencia mixta” onde a semipresencialidade fose maioritaria, é dicir, aumentar o número de aulas virtuais en troques das presenciais, amparándose na excepcionalidade da situación e no cumprimento das medidas sanitarias. O proceso, a petición e vontade dos centros e facultades, iniciaríase con carácter voluntario no curso 20/21, e máis xeralizado no 21/22. 

O seu desenvolvemento correría a conta da FEUGA (Federación Empresa-Universidade Galega) que, obviando por un momento que palabra Empresa vai antes que Universidade, xa representa na actualidade, xunto cos Consellos Sociais, os intereses corporativos dentro do conxunto do SUG. Nos motivos expostos para a aplicación deste Programa atopámonos sucesivas referencias ao seu impacto positivo, tanto na relación entre docentes e alumnado, como na calidade educativa. 

Porén, a presencialidade é un elemento vital para o conxunto da comunidade educativa, o que entendemos é contraditorio co argumentado no documento presentado. Por un lado, é tan importante como o é a propia socialización para a saúde dos individuos. Polo outro, xoga un papel fundamental á hora de establecermos relacións significativas co persoal, co profesorado, co alumnado…

Mais, é precisamente cando o alumnado vive experiencias significativas cando ten lugar a aprendizaxe. Finalmente, e dado que vivimos nunha sociedade gobernada pola economía, empresas e Xunta non ocultan o seu estilo persoal de facer as cousas. Textualmente: “Valorarase moi positivamente, a efectos de futuras compensacións, a proposta de adhesión dun campus de especialización completo. Por que en Educación, calquera modelo/alternativa/metodoloxía é sempre mellor e máis atractiva que financiar debidamente primeiro o sistema que xa temos? 

Leave a Reply

Your email address will not be published.