Entrevista a Rebeca Cambeiro, Responsábel da Asemblea de Mulleres

 

rebeca-cambeiro-responsabel-da-asemblea-de-mulleres-de-galiza-nova

Rebeca Cambeiro, nova Responsábel da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova

Entrevistamos a Rebeca Cambeiro Graña tras a súa elección como Responsábel da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova. Rebeca é nada en Ordes en 1994, estudante de antropoloxía pola UNED. Participou na Liga Estudantil Galega e na actualidade é  activista no movemento feminista galego. Conversamos con ela sobre os retos da Asemblea de Mulleres de Galiza Nova e as estratexias para erradicar o terrorismo machista e os feminicidios.

Como galegas, cales son os problemas que nos atopamos día a día?

Cando dicimos que as mozas galegas estamos oprimidas de xeito tripo non é unha consigna baleira: sufrimos o patriarcado, o capitalismo e vivimos nun País que actualmente funciona como unha colonia do Estado español.

Ao igual que o resto de mulleres, as galegas vivimos día a día agresións, discriminacións, humillacións, control, feminicidios… todo isto enmarcado nun contexto dunha suposta crise social e económica que afianza máis aínda a violencia estructural e precariza as nosas vidas. Horarios laborais imposíbeis de conciliar, fenda salarial e soldos dos más baixos de todo o Estado, contratos a tempo parcial de uns días ou unhas horas (só o 4,9% dos contratos asinados polas traballadoras galegas en 2015 foron indefinidos), altísimas taxas de emigración na mocidade e falta de igualdade de oportunidades. Ademais, existe unha histórica relegación das mulleres a tarefas non asalariadas, ben sexa asociada a coidados ou por considerarse que o traballo que se realiza non é un emprego real ou tan importante coma o dos homes.

Como afrontas esta nova etapa como Responsábel da Asemblea de Mulleres?

Ao igual que dixo a compañeira Iria, responsábel da Asemblea LGTBI, agradezo enormemente que o resto mozas confiaran en min para este período. Con todo, segundo o falado na última Asemblea Nacional de Mulleres de Galiza Nova, concordamos en que é tarefa colectiva fortalecer e facer da Asemblea unha ferramenta útil. O feito de constituír a Mesa Nacional, con catro mozas máis, axiliza o organizativo e evita que recaia todo o traballo nunha soa persoa.

“Fíxose do feminismo un tema obrigatorio nos debates diarios, nas xornadas de formación e en todo espazo no que estiveramos”

Crees que a militancia de Galiza Nova está o suficientemente formada en feminismo? Cales cres que son os aspectos a mellorar?

A nosa militancia ten cada vez máis formación e, indubidabelmente, máis interese sobre feminismo, precisamente porque se puxo sobre a mesa que este debía ser un tema prioritario. Fíxose do feminismo un tema obrigatorio nos debates diarios, nas xornadas de formación e en todo espazo no que estiveramos. Isto materializouse en que, entre todas, estamos aprendendo a identificar e combater as actitudes machistas.

Segue habendo aspectos a mellorar, calquera de nós ten moito que deconstruír. Este é un proceso máis ou menos longo en cada persoa e que pasa por interiorizar de verdade todo o aprendido e entender o feminismo coma unha loita indispensábel.

Nesta etapa debemos pular por ese proceso: conseguir que a nosa militancia erradique certas conductas dentro e fóra da organización, poñer as gafas lilás en asembleas pero tamén en horas de lecer. Entender que temos a obriga de facelo tanto nunha manifestación coma nun bar, tanto con compañeiras de organización coma co grupo de amigas.

Qué é o feminismo para ti?

Por unha banda, está claro que o feminismo é algo necesario para sobrevivir. Estannos asasinando e a única vía para mudar a situación pasa polo feminismo.

Por outra banda, é unha ferramenta para entender o mundo, as relacións e poderes, e construír unha visión crítica e en continua evolución de calquera aspecto. Pódese dicir que as feministas estamos para molestar: para recordar cando se está invisibilizando ás mulleres, para levantar a man e apuntar que non se está tendo visión de xénero, para sinalar conductas, para incomodar se fai falla cando sexa necesario e erguer a voz coas posturas que se están silenciando.

Temos moitos exemplos de loitas populares que triunfaron grazas ao papel das mulleres, e acredito firmemente en que na construción da República Galega non será distinto.

“Posicionámonos totalmente en contra destes roles binaristas e machistas que pretenden crear escravas do patriarcado”

Como achegará Galiza Nova o feminismo ás mozas galegas? Tedes pensada algunha actividade inmediata?

Este nadal, unha das épocas máis consumistas do ano, faremos unha campaña en contra dos xoguetes sexistas en grandes superficies e tendas. O que se transmite na infancia ten unha forte transcendencia para o resto da vida, e neste caso o que a moral hexemónica está transmitindo son uns roles de xénero terríbeis. Vemos na publicidade como se pretenden vender bonecas con corpos imposíbeis, cociñas, útiles de limpeza ou crianzas de xoguete para as nenas, e carros, armas, ferramentas ou xogos de aventuras para os nenos.

Desde Galiza Nova posicionámonos totalmente en contra destes roles binaristas e machistas que pretenden crear escravas do patriarcado desde o primeiro momento.

Queremos rachar cos estereotipos de xénero e co constructo social sistémico para ter unha sociedade libre e sen opresión.

“Hai que tratar os feminicidios coma unha prioridade política e social”

Como cres que debemos loitar contra o terrorismo machista cara á erradicación dos feminicidios?

Hai que tratar os feminicidios coma unha prioridade política e social. Como ben introduciu o Bloque Nacionalista Galego presentando unha proposta lexislativa cara a creación dun Estatuto de vítima do feminicidio, que levaría consigo que as mulleres en situación de violencia machista poidan acceder a recursos económicos, psicolóxicos e asistenciais sen obrigatoriedade de presentar antes unha denuncia, así como a incorporación do propio termo “feminicidio” na lexislación.

Nesta liña, o goberno debe tomar medidas para a formación e sensibilización do persoal profesional que trata con vítimas de agresións, pois de nada vale acudir a eles se carecen dos coñecementos necesarios e resulta contraproducente a axuda que poderían dar.

“Os feminicidios son o último punto dunha enorme pirámide de violencia machista que temos que derrubar”

Debemos loitar contra os recortes en materia de igualdade e contra as políticas retrógradas e cunha evidente moral relixiosa e de dereitas que se están levando a cabo. É vital a mobilización a pé de rúa e o achegamento a toda a sociedade por todos os medios que teñamos.

Os feminicidios son o último punto dunha enorme pirámide de violencia machista que temos que derrubar, sabendo que os aliados do patriarcado son moi fortes e que a nós nos arrebatan cada vez máis chaves para loitar contra el.

Cal é a posición de Galiza Nova dentro do movemento feminista galego?

O movemento feminista galego, coma moitos outros do tecido asociativo, pasou por moitos cambios e altibaixos nos últimos anos. A actual conxuntura vén dada por estarmos nun momento de recente creación de organizacións feministas e desaparición doutras.

En Galiza Nova temos claras certas cuestións, coma que se o noso marco de actuacion é Galiza, o noso traballo feminista será no mesmo marco.

Na diversidade de feminismos representados neste movemento, Galiza Nova aporta unha face rebelde e insubmisa nas rúas e nas institucións. Un feminismo das marxes, inclusivo coas identidades e sexualidades non normativas, antirracista, para as clases populares, con consciencia nacional, solidario a nivel internacionalista e sen medo ao debate.

Citando a Rosa Luxemburgo, “Quen é feminista e non é de esquerdas, carece de estratexia. Quen é de esquedas e non é feministas, carece de profundidade”.

Leave a Reply

Your email address will not be published.