Entrevista ao Secretario Xeral de Galiza Nova

Alberte Fernández“Galiza Nova é un proxecto colectivo que traballa para construír a Galiza da mocidade”

 

Entrevistamos a Alberte Fernández Silva tras a súa elección como Secretario Xeral o pasado sábado 26 de novembro do 2016 na XIV Asemblea Nacional de Galiza Nova celebrada na cidade de Santiago de Compostela. Nado en Pontevedra en 1992, graduado en Historia e especializado en Historia Contemporánea. Participou activamente no movemento estudantil nacionalista a través dos Comités e posteriormente na Liga Estudantil Galega. Conversamos con el sobre as problemáticas da mocidade galega, os retos do nacionalismo e os obxetivos de Galiza Nova tras a celebración da súa XIV Asemblea Nacional.

Tras a túa elección como SX cun 98,5% de apoios, como encaras esta nova responsabilidade?

Pois con moito ánimo e entusiasmo, mais sendo consciente da grande responsabilidade que supón ser secretario xeral de Galiza Nova. Un dos nosos principais obxectivos nesta Asemblea Nacional era que a nova dirección incorporase nova militancia en idade e á vez funcionase como un equipo colectivo e de traballo, Galiza Nova é un proxecto colectivo de mozas e mozos con grande capacidade para incrementar o nacionalismo xuvenil, esta é a cuestión que máis me ilusiona, compartir militancia con tantas mozas e mozos que día a día traballan para construír Galiza. Estamos nunha nova etapa para o nacionalismo galego na que estamos recuperando apoio social en todos os ámbitos, e o xuvenil non é unha excepción, polo que tamén afronto con moita ilusión o novo reto para o que fun elixido.

Con que obxectivos principais sae Galiza Nova da súa XIV Asemblea Nacional?

O principal obxectivo desta Asemblea Nacional é actualizar a nosa metodoloxía de traballo para mellorar o noso funcionamento de cara a acadar os nosos obxectivos estratéxicos. Deste xeito un dos obxectivos pasa por dar un paso máis na dinamización das comarcas e as localidades levando a cabo campañas relacionadas cos problemas máis próximos e diarios da mocidade galega, estando en contacto permanente coa mesma. Neste sentido aprobamos mudanzas estatutarias que reforzan o asemblearismo local e comarcal.

“A xuventude galega non pode empanciparse na súa terra, ben sexa por estar no desemprego, condenadas a emigrar, ou con contratos precarios”

Na túa opinión cales son as principais dificultades que atravesa a mocidade galega nestes momentos?

Está claro que a o principal problema da xente nova é económico. A xuventude galega non pode empanciparse na súa terra, ben sexa por estar no desemprego, condenadas a emigrar, ou con contratos precarios que non nos permiten vivir sen as achegas económicas familiares. A frustración que esta situación está creando a toda unha xeración de mozas e mozos é o principal problema para a mocidade actualmente, seguido de outros moitos, precariedade no ensino, falla de políticas axeitadas de lecer…

O discurso dominante insiste en caricaturizar á mocidade como egoista e individualista. Porén vós enfatizades o compromiso e mobilización de milleiros de mozas e mozos. Conviven ambas realidades?

Si, esta é unha realidade existente en todas as capas da sociedade e polo tanto debemos concienciar na necesidade de implicarse política e socialmente para avanzar como pobo. Tamén cremos que a mocidade sempre liderou procesos mobilizadores na Galiza, conquistando dereitos importantísimos. Para solucionar os nosos problemas e superar as nosas dificultades teremos que facelo de xeito colectivo, porque ou nos salvamos todas e todos, ou non se salva ninguén.

Porque é importante que a mocidade participe en política?

Para ser dona do seu futuro. A mocidade debe implicarse na política porque se non participa na mesma, outras persoas, e outros sectores serán quen decidan por ela, quen decida o futuro da xente moza.
Por iso as mozas e mozos deben autoorganizarse e participar na acción política e intervir e tomar partido nas decisións que lles afecten para poder conquistar un futuro de liberdade.

“Participando de Galiza Nova a mocidade pode loitar por ser dona do seu futuro, porque somos a expresión da mocidade galega autoorganizada”

Que debería empurrar a unha persoa moza a participar no espazo de Galiza Nova?

Esta pregunta garda moita relación coa pregunta anterior, e é que participando de Galiza Nova a mocidade pode loitar por ser dona do seu futuro, porque somos a expresión da mocidade galega autoorganizada. Galiza Nova é un proxecto colectivo que traballa para construír a Galiza da mocidade.
Participando en Galiza Nova traballamos para cambiar o noso futuro, para rachar coa precariedade e coa dependencia, e para liberar a nosa terra, pero ao mesmo tempo participando en Galiza Nova, tamén mudamos a realidade máis próxima da xente moza, traballamos para cambiar as nosas condicións de vida, traballamos polo noso dereito á felicidade.

Vides de reafirmar o BNG como o referente político para a mocidade que aspira a unha mudanza radical da realidade. Que ofrece o Bloque á mocidade galega?

O BNG ofréce á mocidade un pack completo, un futuro mellor para todas e todos nós. Demostramos coas nosas propostas na pasada campaña electoral a cantidade de cuestións que abranguemos, desde mellora nos transportes, ensino público e de calidade, un emprego digno, etc. En definitiva o BNG ofrece á mocidade un país mellor no que poder vivir en liberdade e con independencia, un país que pode conseguirse se Galiza conta con capacidade de decisión, con soberanía.

“O terrorismo machista asasina cada día mulleres polo mero feito de selo, isto é inadmisíbel, mais a violencia do patriarcado non remata aí”

Por que en Galiza Nova é prioritario o traballo feminista?

Porque o patriarcado segue existindo e por tanto oprime as mozas galegas. O terrorismo machista asasina cada día mulleres polo mero feito de selo, isto é inadmisíbel, mais a violencia do patriarcado non remata aí, senón que se reproduce no día a día de todas as mozas, por iso dende Galiza Nova entendemos que temos que derrubar o sistema heteropatriarcal para que as mozas galegas poidan vivir con verdadeira liberdade. Unha das prioridades da Asemblea Nacional é seguir reforzando a Asemblea de Mulleres de Galiza Nova para fortalecer o feminismo entre a mocidade.

Que momento vive o movemento xuvenil nacionalista no seu conxunto?

Está vivindo un momento de cambio e de crecemento, mostra disto non é só a recuperación de Galiza Nova senón tamén noutros ámbitos coma o éxito das folgas no ensino convocadas polo movemento estudantil nacionalista. Acabamos de pasar a maior crise da historia do nacionalismo galego que se viviu nos últimos anos e sen dúbida saímos con maior forza neste 2016 no que tamén houbo moitos cambios para o BNG en xeral.
Non se pode negar que na actualidade existe o individualismo na mocidade do que falábamos antes mais malia esta situación e pese ás enormes dificultades para o nacionalismo galego durante estes catro anos, estamos nunha fase de expansión e consolidación tras un bo traballo feito neste período.

Nesta nova etapa, que rumbo tomará Galiza Nova?

A nivel ideolóxico consideramos que o rumbo tomado na anterior Asemblea Nacional do 2014, cunha aposta pola República Galega soberana e dona do seu futuro é o axeitado. Nesta Asemblea Nacional puxemos en valor os acertos e avaliamos as eivas, ademais tamén debatimos sobre como mellorar o noso traballo para superar as dificultades detectadas.

Fai uns meses celebráronse as eleccións á Xunta de Galiza, que medidas de choque proporá Galiza Nova antes as políticas de Feijóo?

A primeira medida coa que traballaremos, como xa anunciamos durante a campaña electoral será o Plan Retorna, queremos que a mocidade emigrada regrese e que ninguén teña que marchar. Tampouco admitimos a LOMCE e seguiremos rexeitando a súa total aplicación por ser unha lei antigalega, antipedagóxica e elitista.
Durante a campaña electoral percorremos todo o país coa Caravana da Mocidade galega visitando máis de 45 localidades explicando as propostas do programa do BNG en relación á mocidade, estas seguen a ser as mesmas, conteñen o Plan Retorna, unha lei de educación galega, a mellora na rede dos transportes, a recuperación e reactivación dos Centros Quérote de información afectivo-sexual, promover a igualdade real entre as mozas e os mozos e promover alternativas de lecer hoxe en día inexistentes entre outras. En definitiva, todo o contrario da situación actual da mocidade galega