Como valoras os teus tempos de estudante?

Cada momento vital ten a súa propia dinámica. Por exemplo agora, que acabo de ser nai, vivo
unha época moi feliz, marcada por outras cousas. A época de estudante, que eu pasei en
Compostela na facultade de Políticas, e moi activa en Galiza Nova e nos CAF, foi para min unha
época de descubertas, de aprendizaxe vital e de aprendizaxe política. Sempre tiven unha
actitude moi aberta, penso que é moi importante vitalmente manternos centradas en construír e
en non caer en prexuízos. Foi unha época moi boa, que lembro con cariño.

A Galiza que vén…?

Imaxino unha Galiza presidida polo BNG e que puxo en marcha as liñas mestras do cambio
galego. Imaxino un país orgulloso de si mesmo, que se fai valer e que ten na Xunta un goberno
leal e que actúa sen complexos e sen ataduras en favor do seu pobo. Se o BNG encabeza o
Goberno, será sen dúbida unha Galiza que avance no económico e social a partir de poñer os
recursos do país ao servizo do propio país.

E medidas de cara á mocidade?

Son fundamentais varias cuestións: apoiar o talento e traer de volta o que tivo que marchar;
combater a precariedade nas súas diferentes manifestacións, do acceso á vivenda aos custes da
mobilidade ou aos salarios baixos; para incidir nun ámbito como a mocidade precísase dunha
estratexia que relacione diferentes políticas públicas e dun goberno que considere prioritario
desenvolvela. A COVID mudou moitas cousas e temos que ir a un novo modelo social e
produtivo.

Como cres que se percibe ao BNG entre a xente nova?

O BNG xa é hoxe, felizmente, a forza referente entre a mocidade galega. Somos a forza máis
apoiada e que máis simpatía esperta entre a mocidade de 18 a 29 anos. Os porqués? Penso
que as novas xeracións teñen unha vivencia cada vez máis orgullosa e normalizada da súa
identidade, no colectivo como galegos e galegas, e no individual como persoas con opcións
diversas a nivel vital. E o BNG é unha forza que representa xustamente esa visión. Tamén creo
que se aprecia a nosa coherencia, a renovación que protagonizamos nos últimos anos e as
nosas posicións claras e transformadoras.

É sorprendente a cantidade de mozas e mozos que van nas candidaturas.

Sorprendente non sei. As nosas candidaturas son candidaturas de execelencia, pensadas como
equipos de persoas moi cualificadas e moi comprometidas cos diferentes ámbitos da sociedade
galega, e cun amor e traballo polo país moi claro. E nelas ten unha presenza e unha relevancia
evidente a xente moza. Olalla Rodil, Noa Presas, Dani Castro… son exemplos de persoas
mozas que van ter un papel esencial no traballo do BNG. E nas listas hai unha importante
presenza de mozos e mozas de Galiza Nova.

Cal é o obxectivo para o 12 de xullo?

O obxectivo é claro: poñer en marcha o cambio galego, poñer en marcha unha nova Galiza. A
Galiza posCOVID ten que ser unha Galiza que poña ás persoas no centro das políticas. E
para iso é preciso que o BNG lidere o goberno que saia das urnas e que Galiza teña por vez
primeira unha muller como presidenta, neste caso eu. Cada vez hai máis xente que se ilusiona
con esa posibilidade, real e que podemos levar adiante. Temos que dicirlle á xente que quere
cambio que debemos ser protagonistas e facelo realidade. Non pode quedar ninguén na casa.
Se queremos resultados diferentes temos que facer cousas diferentes, atrevernos. E unha Galiza
realmente diferente e mellor é unha Galiza co BNG gobernando.

Leave a Reply

Your email address will not be published.