Como vive a mocidade galega a crise da COVID19

Alexandre, Enxeñeiro teletraballando.

Traballas ou estudas?

Traballo. Tamén estudo actualmente a distancia, mais é una actividade menor.

Que estás estudando?

Estudo un curso na Universidade Politécnica de Valencia de modalidade 100% online.

En que traballas?

Traballo de enxeñeiro industrial nunha pequena empresa do sector da enerxía, principalmente proxectos e instalacións de enerxía fotovoltaica, iluminación e xeración de calor.

Estas teletraballando ou traballando no teu centro de traballo?

Teletraballo desde que comezou o estado de alarma.

Como valoras o teletraballo, é un bo método que se debería implantar?

No relativo a empresa privada, considero que hai moitos factores, e que estes varían en importancia en cada posto de traballo e persoa.Para poder determinar a viabilidade do teletraballo nun primeiro paso e a súa eficacia nun segundo.

Unha gran parte dos traballos actuais non se poden exercer mediante teletraballo (comercios físicos, transporte, fabricacións, instalacións…) mais logo hai outros, case sempre relacionados co traballo en ordenador, que si.

No que se entende comunmente como traballo de oficina sen contacto co público considero que é sempre posible a adaptación ao teletraballo sendo isto é máis doado, sen perder capacidade ou servizo, canto máis grande é o teu centro de traballo. Isto é debido a que as tarefas serán, en xeral, máis repetitivas e as comunicacións máis homoxéneas coas compañeiras á vez de maior capacidade para poder estruturarse de forma que o teletraballo sexa viábel en todos os aspectos. Acho que para algunhas pequenas empresas, dependendo da actividade, esta opción é máis complexa de establecer a tempo permanente, observando como funcionan a día de hoxe moitos sectores no noso país. 

Outra cuestión que me parece fundamental no teletraballo é o control sobre traballo. Desde logo a empresa ao cargo é entendible que queira ter seguimento, mais non pode este ir en contra dos dereitos laborais. Isto comento pola terrible idea de avaliar traballadores por obxectivos, pois está claro que estes marcaríanse por arriba obrigando a realizar un horario permanente máis extenso que a xornada laboral. Non sei cal sería a solución óptima mais tamén quero deixar claro que non o digo como argumento contra o teletraballo pois isto mesmo sucede, en gran volume, no traballo presencial hoxe en día.

A nivel servizos de diferentes administracións compróbase facilmente como non se estaba nin remotamente preparado para que as funcionarias traballasen desde casa, ocasionando actualmente unha parálise administrativa que é facilmente solucionable para un futuro se se realiza un plan de preparación, mais cando aínda en situación normal temos unha función pública na que obriga, en moitos casos, ao usuario ao desprazamento persoal en horario laboral para realizar trámites sinxelos, obsérvase que queda moito camiño que recorrer.

Para rematar dicir que, en canto a docencia, está claro que nunca se poderá substituír a docencia presencial pola telemática, igual que un pdf non pode substituír a unha clase. Diría que só os estudos complementarios, impartidos a persoas con coñecementos previos suficientes nesa materia, e que non requiran pola súa natureza de práctica experimental, poden ser impartidos telematicamente na súa totalidade con garantías.

Cres que se tomaron as decisións correctas dende as institucións competentes?

Esta pregunta poderíanos levar a falar das medidas unha a unha.

En resumo, son moi consciente da dificultade experimentada pola novidade do asunto, polo que non teño coñecementos para valorar, en termos xerais, a maioría de decisións mais que dicir que a saúde debe ser sempre a prioridade e polo tanto concordar plenamente naquelas medidas que se tomaron seguindo as directrices das autoridades sanitarias.

Máis si hai dúas decisións que quería comentar. A primeira, que nunha situación de pandemia, co actual devalo da sanidade pública, debería toda instalación médica privada pasar ao control das autoridades competentes.

A segunda, que foi un terrible erro, e aínda o segue sendo, o non illamento dos territorios máis afectados para evitar a propagación, como se fixo en Italia e China con bo criterio. No caso do Estado Español o gran primeiro foco foi Madrid, e non hai dúbida de que foi por cuestións políticas e ideolóxicas polas que actuaron considerando a propagación do virus homoxénea en todo o territorio do Estado Español. 

Resúmese cando argumentaban que o virus non entendía de fronteiras. Exactamente. Non entende de fronteiras creadas polos humanos virtualmente, por iso deben ser creadas realmente neste contexto. Por iso se cerraron as fronteiras de estados e por iso, neste caso, dentro do Estado Español deberían terse cerrado nun primeiro as fronteiras das zonas máis afectadas e se fose necesario todas as existentes viables (as que se corresponden coas Comunidades Autónomas) evitando, posiblemente, un contaxio tan rápido como sucedeu en Galiza con practicamente tódolos primeiros casos relacionados con persoas que chegaran de Madrid.

Que propostas terías ti?

Xa fun comentando algunhas actuacións que tería cambiado e que todas teñen que ver cunha dirección: primeiro sempre saúde das persoas (que abrangue moitas cuestións) e logo que as medidas económicas non se volvan a cebar coa clase traballadora, ni agora, nin propiciando unha nova crise na que, coma sempre, as grandes fortunas sigan medrando.

Máis ca nunca é necesario nacionalizar tódolos servizos principais: transportes, banca, sanidade, electricidade, auga… para poder garantir un estado de benestar. No caso de Galiza vemos como o goberno de Feixoo se dedicou a privatizar servizos un tras outro e agora observamos tristemente que ocorre en casos como o das residencias privadas de anciáns.

Non falei de sectores como o de tódalas autónomas, a cultura, os comercios ou outros, dos que non formo parte pero é fundamental realizar medidas concretas para cada un, debido a que son os sectores que máis tempo pechado estarán e que, nalgúns casos, máis tardaran en poder realizar a súa labor con normalidade.

Que perspectiva de futuro tes?

Nun primeiro momento, ao ir proximamente ao ERTE, acabarei os estudos que tiña comezado e seguirei formándome no meu campo. De momento non conto con perder o traballo pero haberá que estar atento a como avanza o meu sector nos próximos tempos.

Valoración persoal.

Algo que non comentei con anterioridade e me parece fundamental é o tema da soberanía alimentar. Sempre opinei que unha das capacidades principais que debe ter un pobo é ser soberano da súa alimentación, por diversos e extensos motivos que quedan un pouco fora do obxecto desta entrevista. 

Mais gustaríame deixar unha reflexión. Como é posible, que nun contexto como o actual, onde se chegou a prohibir a actividade laboral non esencial, vaia mercar a un supermercado e facer só uso dun establecemento de venda de produtos alimentarios (en consonancia as recomendacións) e na sección de verduras e hortalizas, nun país como Galiza, máis do 90% proceden de fóra, principalmente Francia ou a horta do Mediterráneo. Isto xera unha cantidade de transporte e recursos (e contaminación) inmenso en situación normal que se volve absurdo no contexto actual. 

Leave a Reply

Your email address will not be published.