Caótico e incerto. Non hai mellores termos nos que sintetizar o comezo do curso escolar. Da igual o nivel educativo do que se fale e, desde Galiza Nova, facíamos as mesmas afirmacións en maio (https://i.gal/ZHdx0 e https://i.gal/GCXIf) e en xullo (https://i.gal/3FOFn). A Xunta de Galiza, a Consellaría de Educación e moi probabelmente o 99’9% da sociedade galega sabía xa no mes de marzo que en setembro comezaría un novo curso. Con máis ou menos teledocencia, con máis ou menos presenza da COVID-19 nas comarcas galegas, pero o curso ía comezar. Un total de 6 meses, 180 días para investigar, entrevistar, negociar, conversar con persoal experto para planificar unha volta aos centros educativos que permitise conxugar o máis harmoniosamente posíbel a seguridade hixiénico-sanitaria coa pedagoxía e os procesos de ensino e aprendizaxe. 

Mais a realidade supera a ficción, e a ninguén se lle ocorrería pensar que a Administración pública, suposto garante máximo da equidade social,  aprazaría a publicación dos protocolos escolares para o curso 20-21 para despois das eleccións. E dous días despois da cita electoral a Consellaría de Educación fai público un primeiro borrador do protocolo para unha docencia segura, sen consulta nin negociación previa con ningún colectivo. 

O goberno do Partido Popular pechou nos últimos 10 anos máis de 100 colexios, entendendo que a masificación de aulas e centros é economicamente máis rendíbel que garantir a universalidade do ensino no conxunto do territorio galego. Non sería coherente, no seu modo de actuar e pensar, facer unha férrea crítica do modelo que levan instaurando durante a última década, motivo polo cal pechan filas e non asumen que o único camiño viábel para garantir a saúde do alumnado e do profesorado (da sociedade en xeral) pasa por reducir as ratios das aulas, diminuíndo así o número de persoas coas que se convive e limitando a posíbel transmisión do virus nunha contorna pechada.

O acontecido nos derradeiros meses do anterior curso escolar sacou a relucir unha cruenta realidade, pois se constatou a terríbel fenda económica e dixital que sofren unha parte das familias galegas ao non poder garantir que as súas crianzas asistisen ás aulas telemáticas. Desde Galiza Nova entendemos que a Xunta de Galiza é a responsábel da cobertura do dereito á educación de mozas e mozos e, polo tanto, debe garantir material e/ou orzamentariamente o acceso á docencia telemática. 

O Presidente Núñez Feijoo denominaba en rolda de prensa como “operadores educativos” ao conxunto das profesionais que traballan nos centros educativos, pedíndolles “altura de miras” perante a pandemia. A realidade da que non fala é que Galiza é un dos poucos territorios do Estado español que apenas contratou nin 200 persoas para asumir os retos da pandemia no ensino. Esixir, daquela, a máxima calidade e excelencia educativa da que o Partido Popular leva alardeando a última década é total e absolutamente irreal e tendenciosa. As galegas e galegos merecemos e necesitamos máis persoal e profesionais nos centros educativos, pois non é só unha cuestión de poder garantir un ensino universal para o conxunto da poboación, senón estabelecer estratexias que permitan combater a pandemia en todas as súas dimensións para evitar unha nova paralización total do Estado. E como a mocidade representa case o 25% da poboación galega, desde Galiza Nova esiximos a incorporación inmediata de profesionais sanitarios ao sistema escolar, pois non ten ningún sentido que os equipos directivos sexan os que determinen a adaptación das normas do Ministerio e da Consellaría fronte á COVID-19 sen posuírdes formación específica no ámbito epidemiolóxico (alén de poder ser as hipotéticas culpábeis no caso de xurdir novos gromos). Por todo isto animamos ao conxunto do alumnado, do profesorado e da sociedade galega en xeral a mobilizarse a prol dun ensino seguro e pedagóxico, entendido como un dereito e un investimento social e non como un gasto subsidiario. Despois de todo,  “o que se lle dea á mocidade agora será o que nos retorne esta nun futuro”. O mércores 23 todas á folga!

Leave a Reply

Your email address will not be published.