Escolle: Ou visitas a familia ou comes unha semana.

José Manuel Merino de Castro, militante de Galiza Nova na Mariña.

Xoves á tardiña, outra semana máis estudada. Tiña ganas de visitar a miña familia, a miña nai precisa atención, ou teño ganas de porfiar un pouco coa miña irmá. Pero non podo. Hai que escoller se gasto 30€ nunha finde en ir e volver á casa ou na comida dunha semana, e o corpo sen comida non vive. Esta é a situación de moitos estudantes mariñaos no eixo atlántico: Non podemos permitirnos ir á casa.

Incluso visitar outras vilas da comarca é unha odisea. Senón que llo digan aos afeccionados do Ribadeo F.C., que tras gañar o partido contra o Viveiro tiveron que esperar polo tren máis de 50 min no apeadoiro de Covas, nunha desas noites non precisamente tropicais da Mariña lucense.

Somos unha das poucas comarcas cun tren que une as vilas máis poboadas da zona, dende Ribadeo até Viveiro pasando por Foz, Burela ou San Cibrao, con pezas básicas como o Hospital da Costa (pendente de se converter en ambulatorio dependente de Lugo, por obra e gracia da Xunta), os portos de Burela, Mirasol, San Cibrao e Celeiro ou a fábrica de Alcoa. Xa temos un tren que pode unirnos.

O problema está en como nos deixan utilizar o tren, porque estaremos dacordo que un tren non é efectivo cando non ten horarios axeitados, non programa as paradas debidamente, nin ten apeadoiros necesarios como o da Praia das Catedrais ou acceso directo aos portos e á fabrica de aluminio de San Cibrao, cunha maquinaria dos anos 70 que no momento máis inoportuno pode poñerse a botar fume transitando unhas vías que en moitos treitos teñen restrinxida a velocidade pola ausencia de mantemento. E Renfe e Adif, órganos xestores do estado español do FEVE, deciden retirar aos revisores. Xa está a escusa perfecta: Non hai pasaxeiros abondo, desmantelamos o tren do Norte. Non pedimos que constrúan un AVE, non o necesitamos. Pero cómpre que nunha comarca tan extensa como a Mariña poidamos movernos con liberdade.

E así morrería un dos poucos medios de transporte existentes na comarca. A alternativa residiría nunhas liñas de buses, desorganizadas que non vertebrarían o territorio, transitando por autovías con néboa constante ou por unhas estradas nacionais masificadas por coches particulares, camións de metal e madeira e taxis de vilas pequenas que nos levan ao Hospital, namentres os políticos con poder de decisión e influencia na Xunta fan carreira en Lugo ou en Santiago. A Mariña non ten delegacións territoriais nin presidencias provinciais de interese para a carreira política do PP ou do PSOE.

Iniciativas como a do Ribadeo F.C. amosan que A Mariña quere manter o seu tren, unha oportunidade para transformar unha comarca illada nun nó de conexión coa cornixa cantábrica e cunha Europa que, cada día, semella máis lonxe do país. Tamén a nosa situación é a máis doente en Galicia, pero temos claro que non somos as únicas. Agora máis que nunca, toca loitar por un transporte público para todos. Axúdasnos?