Esiximos a expulsión da USC do profesor Luciano Méndez!

Galiza Nova denuncia a agresión machista que sufriu o pasado luns unha alumna da USC por parte do profesor Luciano Méndez Naya e esixe a súa expulsión da Universidade. Todo ocorreu nunha aula cando o profesor se dirixiu a alumna con frases como: “xa che dixen o primeiro día que me desconcentraba o teu escote”, “con ese escote, poste na última fila”, “empéñaste en traer escote ata o embigo”, cando parte do alumnado se solidarizou coa compañeira e decidiu abandonar a aula, o profesor rematou cun: “se fose machista pegábache unha hostia”, así o recolle a denuncia presentada.

Dende Galiza Nova, entendemos que un profesor con este comportamento sexista non pode dar aulas na universidade pública porque non é quen de educar nuns valores basados na igualdade e no respecto. Xa que educación patriarcal e machista que se aprecia neste tipo de profesores é un dos factores que perpetúan a desigualdade na nosa sociedade. Por iso, sempre apostamos pola coeducación como mecanismo para construír un futuro de plena igualdade. Queremos todos es espazos libres de violencia machista, queremos sentirnos seguras e sen medos. Sen que ninguén dictamine como debemos vestirnos, porque queremos ser dunha vez por todas, nós mesmas.

Mais este non foi un caso illado, esta mesma semana vimos de denunciar a imputación a 3 estudantes da USC por un escrache ao profesor Domingo Neira polos seus comentarios en aulas heteropatriarcais e homófobos e que logo de estar apartado das aulas uns meses volve a exercer como se nada pasase.

Insubmisas e rebeldes na defensa dun modelo educativo non sexista e que traballe pola coeducación e a liberdade de todas as persoas.