Esiximos emprego digno para a mocidade galega!

Nin escravitude nin emigración. Na Galiza exiximos dereitos” é o lema da campaña que deu a coñecer onte a nosa organización no marco dunha reunión mantida entre a nosa Dirección Nacional e unha delegación da Executiva Nacional do BNG; contando, deste xeito, coa presenza do Portavoz Nacional do Bloque, Xavier Vence.

Desde Galiza Nova, organización xuvenil do BNG, esiximos unha mudanza radical das políticas xuvenís e, desde xeito, reclamamos o desenvolvimento de programas de orientación e recualificación para a mocidade desempregada, a xeración de políticas “reais” de creación de emprego e, nomeadamente, a derrogación dunhas reformas do mercado laboral que precarizan aínda máis as condicións laborais e dificultan o acceso ao emprego á totalidade da mocidade galega. O Portavoz Nacional do BNG, que participou onte na xuntanza da nosa Dirección Nacional, reiterou a necesidade de mudar o rumbo das políticas económicas e antisociais do Goberno central e da Xunta, que están a deteriorar a vida dos galegos de das galegas e, nomeadamente, da mocidade.

Non fiques na túa casa ante o roubo dos nosos dereitos sociais e laborais

Esta campaña de demanda de emprego digno para a mocidade que presentamos no día de onte culminará cun acto reivindicativo o vindeiro 15 de outubro nas oficinas de emprego do noso país. Desde Galiza Nova censuramos unhas políticas xuvenís do Partido Popular que veñen acompañadas duns datos sobre a situación laboral da mocidade galega que son absolutamente demoledores. 77.000 mozos e mozas abandonaron Galiza nos últimos catro anos, e a tendencia vai en aumento posto que, desa cifra, 26.000 marcharon o ano pasado, o que fai unha media de 2.000 mozos e mozas que colleron a maleta cada mes durante 2012. Ou emigración ou desemprego. Esta é a situación que vive a mocidade e que temos que derrubar.