“O ESPOLIO DOS MONTES COMUNAIS É UN ROUBO AO POBO GALEGO E UNHA AMEAZA AO TERRITORIO” Artigo de Martín Agrelo

Martín Agrelo é militante de Galiza Nova na comarca de Pontevedra-Caldas e membro da Dirección Nacional

Este domingo 21 de abril está convocada unha manifestación en Compostela polo dereito ao monte veciñal. A Organización Galega de Comunidades de Montes impulsa esta mobilización, xunto ao tecido asociativo, ecoloxista e sindical do país, nun momento en que medran os ataques do PP cara ao principal obstáculo para a privatización do monte: a xestión veciñal.

Non é a primeira vez que o estado tenta liquidar a ferramenta que ten o pobo galego para sacarlle partido de xeito asembleario e igualitario aos seus montes. O réxime fascista de Franco xa expropiara no seu momento todos estes baldíos para lucrar ás grandes empresas do papel acabadas de crear naquel momento. Manobraba daquela da man dunha sorte de mafia corporativista que só puido ser freada coa loita de milleiros de comuneiras que levaron aos tribunais aquel espolio para recuperar o que era do pobo. E así foi até agora, cando o Partido Popular, inmerso nunha espiral de retroceso en dereitos e liberdades, pretende tamén acabar definitivamente cun xeito de posuír a terra único en Europa, e que herdamos historicamente desde o período do reino suevo de Galiza.

O Plan Forestal que pretende aprobar a Xunta, unido á nova Lei de Montes, supón a capacidade da administración de declarar un monte comunal en estado de abandono, e arrebatar a súa xestión ás veciñas sen apenas dar explicacións. A nova xestión deses montes espoliados pasaría a mans de empresas privadas en concesións blindadas de 50 anos. En definitiva, un xogo redondo para as multinacionais, que se irían repartindo os montes comunais que a día de hoxe están en situación de maior debilidade. Isto vai claramente en contra da natureza inembargábel da propiedade veciñal, e supón un paso decisivo cara á súa eliminación.

Vemos como, de novo, a dereita española ataca unha das ferramentas de aproveitamento multifuncional do monte. As Comunidades de Montes demostraron sobradamente a súa capacidade de creación de riqueza e fixación de poboación nun rural que vive días duros. As parroquias galegas sufren unha perda de recursos humanos e materiais que só se poden suplir con estruturas de desenvolvemento endóxeno como esta. Trátase de que sexa o pobo galego o que decida o que se fai coa terra, e que se autoorganice para construír unha Galiza rica e con biodiversidade.

As mozas galegas debemos defender a realidade comunal, porque construíndo un monte vivo defendemos o futuro de milleiros de mozas que a día de hoxe non teñen futuro na súa terra. Defendemos tamén os nosos bosques autóctonos fronte ás multinacionais do sector madeireiro, que promoven enormes plantacións de especies de baixo valor engadido e con grandes efectos destrutivos en forma de incendios e erosión. Sen dúbida, a vitalidade e unión das comuneiras en forma de proxectos transformadores para o rural é o peor pesadelo para ENCE e amigos.