Este sábado mobilízate polos dereitos LGTBI en Vigo

O 28 de Xuño de 1969, un pequeno local de copas neoiorquino, o Stonewall Inn, foi testigo de como un grupo de mulleres e homes, fartas da persecución e represión exercida polos corpos policiais cara as persoas pertencentes ao colectivo LGTBI, rebelouse durante tres días nos que se sucederon múltiples protestas que remataron con centos de detidas.

Este feito histórico supuxo un punto de inflexión na loita LGTBI, a cal, pese acadar pequenos avances cara unha sociedade máis xusta e igualitaria, aínda ten moito camiño que percorrer, xa que acotío as persoas LGTBI seguen a ser discriminadas no marco legal e social, sucedéndose as agresións homofóbicas.

48 anos despois, o espíritu de mulleres coma Sylvia Rivera segue presente, dando azos para continuar a loita contra as discriminacións que sufre o colectivo. Por isto dende Galiza Nova –organización xuvenil do BNG- facemos un chamamento a toda a sociedade a acudir e apoiar a manifestación deste sábado 24 de xuño, convocada para as 20.30h na Praza da Pedra de Vigo pola Asociación Nós Mesmas, para continuar o legado desas mulleres e homes que alzaron as súas voces contra o sistema cisheteropatriarcal esixindo a igualdade real en dereitos e libertades.