Estendamos a 2021 o Ano Carvalho Calero

Após o anuncio da Real Academia Galega de adiar ao 31 de outubro o seu plenario do Día das Letras Galegas do ano 2020 ante a pandemia do COVID-19, desde Galiza Nova queremos lembrar que a excepcionalidade da situación non se pode solucionar cunha simple mudanza de data poucos meses despois e solicitamos a súa rectificación.

O 17 de maio non debe ser entendido como unha efeméride máis no noso calendario, cuxa celebración pode ser postergada sen maiores consecuencias. O Día das Letras é o momento de exaltación e reivindicación da máxima expresión que temos co pobo. É a xornada na que con máis orgullo –se cabe– lembramos e homenaxeamos as grandes voces do noso país e na que con actos que chaman a participar ao conxunto do país exiximos máis respecto para a nosa cultura e máis dereitos para nosa lingua. Por iso, entender as Letras Galegas como un día no calendario é un erro, tamén no sentido máis literal. Co gallo do 17, convocamos actos dentro e fóra do noso país, editamos obras literarias, preparamos unidades didácticas especiais no ensino secundario e reflexionamos e aprendemos sobre o persoeiro (habitualmente masculino) elixido cada ano pola Academia Galega.

A actual crise sanitaria está a ter graves consecuencias na nosa sociedade e moitos dos seus efectos prolongaranse no futuro próximo. En ningún caso será posíbel celebrarmos o Día das Letras como Carvalho Calero e a sociedade galega merecemos, sexa o 31 de outubro ou calquera outra data do calendario de 2020. Se un día ou un ano son tempo escaso para achegarnos a calquera figura da nosa historia, agrávase a situación no caso de Carvalho (figura do ámbito político, escritor e lingüista) que nos convida a reflectir nun debate crucial para a nosa lingua: a integración do reintegracionismo no futuro da lingua.

Convertamos este azar nunha oportunidade e gocemos, que motivos hai, de Carvalho Calero durante un ano máis.

Sumándonos ao impulso de varias entidades políticas e culturais do país, desde Galiza Nova reclamamos que o Día das Letras Galegas de 2021 sexa dedicado, de novo, a Ricado Carvalho Calero.