“Estou farto das políticas caciquís” Martín Rei, candidato á alcaldía de Trazo

Martín Rei é o candidato á alcaldía do BNG-Asembleas Abertas no Concello de Trazo, onde naceu en 1991. Estudante de enxeñaría de obras públicas e do ciclo superior de imaxe na Coruña, onde tamén ten desenvolvido un longo percorrido como activista político e social a través do movemento asociativo e veciñal, xuvenil e estudantil (a través de Galiza Nova e dos Comités Abertos). No seu tempo libre a Martín gústalle tirar fotos, practicar ciclismo e ir a concertos de rock galego.

– Por que decidiches dar o paso adiante que supón encabezar a candidatura do BNG Asembleas Abertas?

Porque sempre estiven disconforme coas políticas do PP, que goberna Trazo desde que eu era moi novo e, nos meus últimos anos de carreira entrei en contacto co movemento estudantil nacionalista podendo comprobar que con esforzo e constancia se poden lograr cambios que melloren a nosa situación.

-Cal é a principal problemática da mocidade en Trazo?

-Desde logo, un dos grandes problemas é a falta de servizos para a mocidade.

-Fronte a esa realidade, cales son as alternativas que ven defendendo e levando á práctica o BNG-Asembleas Abertas para a mocidade?

-Propostas especiais para a mocidade como promoción do deporte de base, a realización de actividades culturais e a mellora do transporte público.

-É preciso que a mocidade se implique na política municipal para mudar a situación de Trazo? Como poden facelo?

-Por suposto, a pesar de estar pegado a Compostela, Trazo está a quedar sen xente moza, por iso a mocidade é coñecedora mellor que ninguén da problemática e debe ser a xuventude quen colla o mando e reverta esta situación.

-Como valoras o proceso das asembleas abertas impulsadas polo BNG e Galiza Nova? Como decidides formar parte da candidatura?

-Un proceso verdadeiramente útil, sobre todo nas zonas nas que o BNG xa ten unha presencia consolidada. Noutras localidades, como Trazo, foi moi positivo para a participación nas candidaturas de persoas que non militan no BNG.
Decidín formar parte desta candidatura porque estou farto das políticas caciquís que se suceden lexislatura tras lexislatura.

-Como entendes a política municipal?

-Como unha forma de achegar as decisións á veciñanza, dándolle voz e escoitando as súas peticións.