María Bará é militante de Galiza Nova na comarca de Pontevedra

“Eu vou á marcha contra ENCE-ELNOSA” Artigo de María Bará

María Bará é militante de Galiza Nova na comarca de Pontevedra

O sábado 3 de xuño saímos a rúa na marcha contra ENCE- ELNOSA, para esixir o peche do complexo industrial en Lourizán. A mobilización social ten que ser unha das nosas principais armas contra as decisións mafiosas dos gobernos español e galego, que hipotecan o futuro da Ría de Pontevedra.

En xaneiro do ano pasado, o goberno en funcións de Rajoy outorgaba de xeito fraudulento a ENCE unha prórroga de 60 anos. Unha vez máis antepoñíanse o negocio e o lucro das empresas privadas fronte a necesaria recuperación da Ría e todos os postos de traballo destruídos coa actividade da fábrica.

Agora, asistimos a un novo capítulo na escalada de corrupción ambiental que o PP vén desenvolvendo en Pontevedra. ELNOSA é unha empresa química que desenvolve unha actividade de fabricación de cloro nociva e perigosa. A Xunta xa ampliou a autorización ambiental da fábrica a decembro de 2017 e agora iniciáronse conversas para facilitar a súa permanencia máis alá desta data.

Nós non imos permitir que se condene o noso futuro e se xogue coa nosa saúde. É preciso frear a destrución das capacidades produtivas da Ría; acabar coas emisións, as verteduras, os malos cheiros e as aberracións paisaxísticas. É importante ter en conta tamén o impacto de celulosas nos montes galegos. A papeleira é responsábelda creación de monocultivos de eucalipto que atentan contra a biodiversidade e contribúen aos constantes incendios que torturan a Galiza.

O complexo ENCE-ELNOSA pretende permanecer na Ría de Pontevedra, mercando a opinión pública con falsas promesas de redución do impacto ambiental e paisaxístico. Ampáranse tamén nos postos de traballo xerados, mais o certo é que a fábrica destrúe máis recursos naturais e máis empregos dos que chega a producir a súa continuidade. A recuperación da Ría de Pontevedra só pode levarse a cabo poñendo fin á actividade do complexo e o peche definitivo de ELNOSA no 2017 é un paso máis adiante neste proceso.

Queremos un futuro con saúde, con emprego respectuoso co medio ambiente e que xestione os seus recursos de xeito razoábel. Queremos recuperar Lourizán e desenvolver os nosos sectores produtivos. A mocidade combativa de Galiza Nova saímos as rúas este sábado para loitar por todo isto. Participa da marcha para esixirmos a recuperación da nosa ría e un futuro digno.

ENCE-ELNOSA fóra da Ría!