Euskal Herria: A Soberanía, a única vía para superar a crise

ernaiReproducimos a continuación un artigo escrito por Ernai, nova organización xuvenil da esquerda abertzale, para o nº39 do Mocidade, o voceiro nacional de Galiza Nova, no que se analiza a realidade da mocidade de Euskal Herria e o novo tempo aberto que se está a vivir, para aprendermos máis da loita doutros pobos pola súa liberdade.

Estamos ante unha fase de mudanza. Corren tempos de cambios en Europa, así como no estado español, pero tamén en Euskal Herria. E sabemos ben que toda fase de mudanza conleva oportunidades, pero tamén perigos. Á súa vez, somos conscientes de que a única maneira de realizar cambios reais é loitando, arriscando. Para gañar debemos arriscar, xa que quen non arrisca non gaña.

As agresións neoliberais volveron demostrar que os buracos tapados durante a Transición Española foron tapados en falso. Así, o estado español enfróntase a dúas crises profundas. Crises que remataron por desestabilizar o estado tanto de maneira institucional como territorial.

No referente á crise económica, non queda moito máis que dicir. Igual que os nosos avós viviron baixo a ditadura de Franco, a nosa xeración faino baixo a do mercado. Nesta votocracia podemos elixir aos nosos representantes políticos, pero isto non conleva a elección do poder. Ante este ataque, os que sinalamos aos seus responsábeis somos criticados, en parte con razón, por indicar a políticos e empresarios, cando o problema reside na raíz, cando o problema abarca non só a certas árbores, senón a un monte enteiro. Ao mesmo tempo, debemos ser conscientes de que este ataque contra os sectores populares oprimidos non sería posíbel sen os aliados do mercado, sen o PP e o PSOE e tampouco sen UPN e PNV. Aqueles que opinan que a democracia está no seu punto álxido, máis sana que nunca, non moven un dedo contra as imposicións e, en cambio, aplican unhas medidas e recortes que lles esixen os grandes lobbys. O cambio debe ser radical, per non por isto debemos deixar de denunciar aos seus proxenitores.

Pídennos aos que máis sufrimos as consecuencias da súa crise que nos “apertemos o cinto”, mentres os casos de corrupción- que comprometen a altos cargos tanto do PP como do PSOE- saen á luz, como cogumelos de debaixo das árbores. O caso Bárcenas, tan negado por todos, fixo tremer ao PP e en especial a Mariano Rajoy. Incluso o Goberno español e a súa lexitimidade están xa no punto de mira. Tamén aquí, en Nafarroa, UPN está até o pescozo de merda.

Estes feitos crearon unha profunda crise política e institucional. A lexitimidade dos políticos españois está polo chan. O pobo saíu á rúa, xa non cre neles. E por se iso fora pouco, o crecemento da ansia independentista, así como a decisión irrevocábel e histórica de ETA, abriron a brecha  dunha crise territorial.

As nacións ocupadas por España, a nosa loita, fixeron reaccionar ao goberno, poñendo en marcha a maquinaria de recentralización ansiada polo PP. Así o demostra a aplicación da LOMCE do ministro Wert ou a limitación de dereitos das autonomías ante as novas reformas económicas, co pretexto da crise. Mentres tanto, o PSOE recuperou dalgún caixón vello a súa proposta dun estado federal, propoñendo incluso cambiar a inmutábel Constitución Española.

Porén, nin un nin o outro agarra ao touro polos cornos. O seu desexo é simple: abrir unha segunda transición, para repetir os mesmos erros que hai 30 anos. Están en xogo o recoñecemento e o dereito a decidir dos nosos pobos. Se non arriscamos, está moi claro que unha vez máis caeremos na súa trampa. E isto só supón a prórroga do conflito.

Ernai nace nesta situación en fase de cambio. Unha fase, por outra parte, que abre as portas máis que nunca á independencia do noso país. Os partidos maioritarios do estado, así como rexionalistas e autonomistas, queren facernos crer que fronte á crise económica e á urxencia de solucionala, a soberanía e independencia dos pobos é un problema secundario e non é momento de defendelo. Nada máis lonxe da realidade. A única maneira de saír da crise é profundizar na soberanía.

Entendendo como base da democracia a soberanía dos pobos e dos colectivos oprimidos, debemos ofrecer ao pobo unha política que respete os dereitos das cidadás. O independentismo debe ofrecer un modelo de sociedade na igualdade de oportunidades e a participación cidadá.

Sabemos xa cal é a resposta do estado ante esta petición: a negación e a imposición. A receita de toda a vida. Seguirá tapando os ollos e os oídos  ante este problema. E como fixo até agora, intentando silenciar as voces de calquera que reivindique ditas proclamas pola represión. Así o demostra o incremento represivo que sofre Galiza e a falta de talante democrático que demostran en Euskal Herria.

Neste sentido, as organizacións xuvenís tanto de Galiza como de Euskal Herria, temos moito  traballo que facer. A precariedade á que nos enfrontamos a xuventude aumenta día a día e converteuse na receita estrela dos mandatarios para “solucionar a crise e crear emprego”. Se non lle facemos fronte desde hoxe o noso futuro será cada vez máis negro. A súa oferta é clara: unha sociedade dictada pola lei da selva, na que os dereitos non son máis que moeda de cambio. Está nas nosas mans ser suxeitos do cambio e crear solucións reais para a xuventude.

A única maneira de crear un modelos social xusto e democrático atópase na nosa soberanía. Todo o demais non son máis que técnicas de engano. Profundizando na solidariedade entre os pobos, os nosos obxectivos serán aínda máis alcanzábeis, pois o noso enemigo é o mesmo. Viva Galiza ceive!