Falar galego segue sendo un acto de rebeldía

Hai un ano dende Galiza Nova puxemos en marcha a nosa campaña “Rebélate, fala galego!” ao sermos conscientes do labor complexo que é falar o noso idioma no contexto social actual. Son moitos os obstáculos cos que nos atopamos todas as que queremos utilizar o galego con normalidade no noso día a día, cos nosos dereitos sociolingüísticos sendo atacados e cuestionados continuamente desde os grandes poderes económicos e sociais. A pesar de contarmos cunha Lei de Normalización Lingüística aprobada por unanimidade no Parlamento galego, o propio goberno deste País incúmprea sistematicamente coma por exemplo, cando deturpa a nosa toponimia con aberracións coma *La Coruña. A normativa que regula a presenza da nosa lingua no ensino medio que a degrada en favor do castelán ou o inglés e arrédaa definitivamente das materias científico-técnicas; ademais de mantela relegada a un plano inferior tamén na Universidade. A oferta cultural dispoñible na nosa lingua diminúe a pasos axigantados sen que dende a Xunta se tome ningunha medida para evitalo: cada vez menos cinema, menos libro en galego, menos música do País. Poñernos en pé e falar galego é claramente un acto de rebeldía, un acto de insubmisión e autoafirmación do propio fronte a un sistema colonizador e inxusto que intenta someter a nosa identidade como pobo privándonos da lingua.

E no medio deste panorama adverso, o goberno galego inchou o peito anunciando ante todos os medios de comunicación a posta en marcha dun plan de dinamización da lingua galega entre a mocidade. Un plan que xa leva anunciando durante tres anos consecutivos e que aínda está sen deseñar, pois tan só se presentou un borrador. Un plan que non pon o foco no verdadeiro problema da perda de falantes e que só propón medidas de recheo que non son suficientes para reverter a situación grave na que se atopa a nosa lingua. Un plan que, en definitiva, só lles serve aos señores do Partido Popular para gabarse durante o mes de maio de que eles tamén falan galego, aínda que despois promovan as políticas máis atroces en contra do mesmo. Un plan en defensa da lingua que ocupa columnas cheas de gabanzas en xornais subvencionados pola súa utilización da lingua, a pesar de publicar sistematicamente en castelán.

Estamos vendo como todo o sistema quere acabar con nós, con aquilo que nos diferencia e nos identifica como pobo. Saben ben no Partido Popular e noutros grupúsculos coma Galicia Bilingüe que a lingua galega forma parte da nosa identidade, é a nosa maneira de mirar o mundo e de situarnos nel. As políticas destrutoras do idioma postas en marcha polo estado español e a Xunta do PP é o que pretenden, que a lingua pase a ocupar un lugar de admiración pola súa beleza, quitándolle toda súa carga política. Que as turistas poidan admirar os Cantares Gallegos expostos nun museo do mesmo xeito que admiran a estatua compostelá das Marías, sen saber que a historia de ambas é unha historia de loita e de resistencia. Nun momento no que o estado español busca ferozmente eliminar calquera trazo identitario das nacións ás que domina, defender a nosa lingua é defender a Galiza fronte o seu asoballamento.

Prohibíchedes o galego nas escolas para producir no espirito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles creer que falar galego era falar mal e que falar castelán era falar ben. Espulsáchedes o galego das eirexas, facendo que os representantes de Cristo esplicaran o Evanxeo no idioma oficial, que o povo non falaba nin comprendía ben. Refugáchedes o galego ante os Tribunaes de xusticia e chegáchedes a castelanizar bárbaramente as toponimias galegas. ¿E de que vós valeu? Porque dispois de máis de catro séculos de política asimilista, exercida con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo. Sodes, pois, uns imperialistas fracasados.A única saída é rebelarnos. A nosa rebeldía é máis importante ca nunca, o galego precisa de todas nós para continuar resistindo despois de tantos séculos de ataques. Precisa das galegofalantes de toda a vida e tamén das neofalantes, das que o falamos as 24 horas do día e daquelas que (de momento) só o empregan de cando en vez. Non imos parar de falar, berrar, escribir, rosmar, recitar, cantar, e seguiremos a facelo con fachenda, sempre en galego. Non imos permitir que continúen a destruír o noso.

Súmate a nós! Rebélate, fala galego!

Leave a Reply

Your email address will not be published.