Concentracións tralo feminicidio en Chapela

Vimos de coñecer un novo caso de feminicidio. Neste caso, María José Mateo García, de 52 anos, era asasinada en Redondela a pasada noite pola súa ex-parella, a cal provocou unha explosión na vivenda.

Ante a magnitude dos dados estadísticos -que son só a punta do iceberg- xunto coa (re)producción de múltiples formas de violencia, moitas veces invisibilizadas, urxe unha resposta social e colectiva, máis tamén política e institucional que non fique só en minutos de silencio, repulsas ou condena. É precisa a adopción de medidas integrais efectivas que combatan o machismo e pulen por un outro modelo de relacións entre as persoas baseado na equidade.

Esixímoslle responsabilidades ao goberno Central galego polos seus recortes en materia de igualdade e en axudas contra as violencias machistas. Hoxe máis ca nunca temos a necesidade de seguir saíndo á rúa, para denunciar todo tipo de violencias que se exercen sobre as mulleres e condenar as políticas retrógradas do goberno que está a usar a crise como escusa para xustificar o desmantelamento de todos os avances e dereitos conseguidos ate hoxe, deixando na indefensión a todas as mulleres.

Desde Galiza Nova facemos unha chamamento a toda a mocidade para acudir e difundir as concentracións en repulsa da violencia machista mañá, mércores 22 ás 20h. Debemos berrar alto e claro que non morren, senón que son asasinadas. Enchamos as rúas contra o patriarcado!

#QuerémonosVivas!

Lugares das concentracións:

  • A Coruña, Obelisco.
  • Compostela, Praza 8 de marzo.
  • Ourense, Castañeira.
  • Pontevedra, Audiencia Provincial.
  • Lugo, diante do Concello.
  • Vigo, Marco.
  • Ferrol, diante do Concello.
  • O Carballiño, diante do Concello.
  • Ribeira, Praza do Concello.
  • Bertamiráns, Praza da Maía.

Leave a Reply

Your email address will not be published.