Festa polos dereitos dos pobos en Lugo

Este venres, día 29 de setembro, a menos de 48 horas da celebración do referendo de Catalunya a asemblea comarcal de Galiza Nova Lugo organizamos, a partir das 23:30, en O Furancho Folk-Rock a Festa polos Dereitos dos Pobos na que contaremos coa participación de SonDaRúaTinta Rebelde e cun acústico de Alberto Busto (cantante e guitarrista do grupo lucense Arrhythmia).

Realizarán ademais intervencións políticas Alexandre Espiño, responsábel local de Galiza Nova en Lugo e Olalla Rodil, deputada no Parlamento Galego e membro da Dirección Nacional.

Con esta Festa queremos reivindicar o dereito a autodeterminación de todos os pobos do mundo e brindar o noso máis sincero apoio ao pobo catalán que ve como nestas últimas semanas, especialmente, e tamén desde fai meses se vulneran os seus dereitos por parte do goberno do Estado Español de todos os xeitos imaxinábeis. Nos últimos días vimos como se interviñan as cartas dirixidas ás persoas escollidas para conformar as mesas electorais, como entraban en imprentas e almacéns en busca de urnas e papeletas do Referendo, como perseguían e detiñan a cargos do goberno da Generalitat e como eran multados con entre 6.000 e 11.000 euros diarios por defender o dereito ao voto das catalás, por non falar de outras accións máis ridículas como a de intervir os cartaces realizados polo goberno catalán no marco do referendo. Tampouco esquecemos que o Tribunal Supremo decidiu manter a inhabilitación ao político vasco Arnaldo Otegi o que lle impediría ser candidato da Esquerda Abertzale nas eleccións. Sabemos que esta é unha decisión política dun Estado que quere reprimir ás liberdades dos pobos aos que oprime e polo tanto a nosa solidariedade está tamén co pobo vasco.

A acción das cloacas do estado contra o nacionalismo galego tamén é unha constante, xa sexa co uso da forza e a violencia reprimindo o movemento de liberación nacional da Galiza directamente ou dun xeito máis sutil co emprego dos medios de comunicación contra o noso movemento. Como nacionalistas e como internacionalistas debemos apoiar a liberdade de todos os pobos do mundo.

Por isto, convidámosvos á Festa polos Dereitos dos Pobos de Galiza Nova Lugo e aquí seguiremos reivindicando, máis unha vez, que todos os pobos teñen dereito a decidir, que as prácticas e accións autoritarias e antidemocráticas do Estado Español non serán quen de parar a forza dun pobo que loita polos seus dereitos e as súas liberdades e que a autodeterminación dos pobos non é ilegal. Esperámosvos!

SonDaRúa:

Tinta Rebelde:

Alberto Busto: