Fronte á Constitución española, Autodeterminación

6d-constitucion2016Ante a conmemoración da Constitución española, Galiza Nova e o BNG organizamos un acto público na Alameda de Compostela (diante a escultura a Rosalía de Castro) este martes 6 de decembro ás 12h baixo o lema “Para que Galiza decida, AUTODETERMINACIÓN”.

Desde Galiza Nova denunciamos o sistema español, que durante estes trinta e oito anos leva funcionando como ferramenta dos oligopolios para estabelecer o marco legal idóneo para limitar os dereitos e as liberdades das persoas e dos pobos. Permitindo o amparo legal a accións socialmente inxustas, como limitar a soberanía segundo os ditados mercantís da Europa. Estas políticas obrígannos a padecer a nega da nosa soberanía como pobo e a lexítima capacidade de decisión do mesmo.

Fronte aos cantos de serea desde a meseta española, denunciamos que a Constitución española non é reformábel para beneficio dos pobos nin das clases traballadoras. A constitución española é herdeira directa do franquismo, cuxo legado continúan as forzas españolas. Incluso cando se fala de reforma constitucional, sempre é de maneira cosmética e pseudodemocrática, co único obxectivo de satisfacer os intereses dos oligopolios e cargar ao pobo galego coa débeda do capital financeiro.

Por iso, dende Galiza Nova chamamos á mocidade galega a rachar coa Constitución española e a crear un novo marco xurídico e social na Galiza, unha constitución xusta, solidaria e que emane das galegas e dos galegos. Un marco xurídico que permita vivir con independencia á mocidade galega, é dicir, exercer o noso dereito de autodeterminación coma nación libre no mundo e erguer entre todas e todos unha sociedade nova: A REPÚBLICA DA GALIZA!

Fronte a Constitución Española, autodeterminación e independencia!