FRONTE Á CONSTITUCIÓN, INDEPENDENCIA!

Hoxe, 6 de decembro, no aniversario da aprobación da constitución española, desde
Galiza Nova denunciamos como esta deu continuación ó réxime franquista ó instaurar o
actual Reino de España.

O estado español leva funcionando como ferramenta dos oligopolios para estabelecer o
marco legal idóneo para limitar os dereitos e as liberdades das persoas e dos pobos.
Permitindo o amparo legal a accións socialmente inxustas, como limitar a soberanía
segundo os ditados mercantís da Europa. Estas políticas obrígannos a padecer a negación
da nosa soberanía como pobo e a lexítima capacidade de decisión do mesmo.

A Constitución española non é reformábel para beneficio dos pobos nin das clases
traballadoras. Ademais é herdeira directa do franquismo, cuxo legado continúan as forzas
españolas. Incluso cando se fala de reforma constitucional, sempre é de maneira
cosmética e pseudodemocrática, co único obxectivo de satisfacer os intereses dos
oligopolios e cargar ao pobo galego coa débeda do capital financeiro.

Por iso, dende Galiza Nova chamamos á mocidade galega a rachar coa Constitución
española e a crear un novo marco xurídico e social na Galiza, unha constitución
xusta, solidaria e que emane das galegas e dos galegos. Un marco xurídico que
permita vivir con independencia á mocidade galega, é dicir, exercer o noso dereito de
autodeterminación coma nación libre no mundo e erguer entre todas e todos unha
sociedade nova na República Galega!

Fronte a Constitución Española, independencia!