Fronte a hipocrisía da Xunta defensa real da lingua

No día de hoxe a Xunta de Galiza presentou o documento marco do chamado Plano de Dinamización Lingüística entre a mocidade. Este proxecto foi anunciado xa durante o ano 2016, porén, os traballos para a súa posta en práctica semellan non ter comezado dous anos despois do seu anuncio.

Neste documento marco unicamente son recollidas vaguidades e ningunha medida real, algo que cabe esperar dun goberno que di defender o uso da lingua galega entre a mocidade, mais que dende o 2009 leva aplicando políticas totalmente contrarias á normalización lingüística, prohibindo dar determinadas materias no ensino na nosa lingua, subvencionando os grandes medios de comunicación en castelán e non destinando recursos da institución para os medios de comunicación en galego e as iniciativas de creación cultural e dobraxe que existen no país.

Dende Galiza Nova consideramos fundamental que para a conservación e avance do galego entre a mocidade exista un plano real de normalización lingüística entre a mocidade, co que se cumpran as medidas de lingua que recollemos na nosa campaña das 50 medidas para liberar a mocidade galega.

É imprescindíbel a derrogación do decretazo lingüístico que aprobou Feixóo coa súa chegada á Xunta no 2009, que na práctica impide que se empregue con liberdade o galego no ensino, que se fomenten os medios de comunicación en galego como poden ser as propostas do Diario Galego e televisión e radio. Ademais tamén precisamos que na tecnoloxía (videoxogos, teléfonos móbiles, etc) se destinen recursos para a tradución dos softwares ao galego, á creación cultural na nosa lingua e máis á dobraxe, para que as mozas galegas poidamos relacionarnos co noso mundo mundo plenamente na nosa lingua.

Nese sentido, e co nulo traballo que fan as institucións por normalizar o uso do galego, unicamente actos coma o de hoxe, o mellor exemplo posíbel da hipocrisía con respecto ao idioma e cun sistema abafante que fai que as mozas atopemos un contexto realmente adverso para poder falar en galego na nosa vida diaria, facelo é un grande acto de rebeldía contra o mesmo.

Leave a Reply

Your email address will not be published.