Fronte a represión do estado español: independencia nacional

Cartaz da campaña en redes sociais #AbsoluciónEmilioCao

Nas primeiras semanas de 2018 estamos vendo como o estado español está a reforzar aínda máis se cabe o seu carácter antidemocrático. A represión é o método que o estado emprega para tratar de facer valer as súas posicións cando estas están a ser atacadas pola vía democrática.

Viñamos xa dun contexto no que a actuación represiva do estado para frear o Procés catalán cara a súa independencia, no cal o estado actuou vulnerando as liberdades democráticas do pobo catalán encarcerando dirixentes de organizacións políticas e sociais e con extrema violencia durante a xornada do referendo do 1 de outubro.

Ao mesmo tempo tamén están abertos na Galiza casos de represión contra dirixentes sindicais coma Carlos e Serafín, tratouse de ilegalizar organizacións políticas e son múltiples os casos de represión cara dirixentes políticas soberanistas.

Nas últimas semanas están a ser actualidade a nivel estatal os xuízos e condenas a prisión derivadas da Lei Mordaza coma o de 12 integrantes do colectivo de rap La Insurgencia, entre as cales existe un mozo galego, ou o máis mediático, de Pablo Hasél, xulgado polo contido das letras dos seus temas e polos contidos publicados no seu Twitter.

Porén, o caso que máis chama a atención nestes días é o do mozo galego Emilio Cao, chamado a declarar a xuízo a Madrid tras participar dunha mobilización e a quen se lle reclaman máis de 5 anos de prisión. Neste comunicado queremos expresar o noso apoio á plataforma recentemente creada que pula pola súa absolución e o rexeitamento ao seu xuízo.

A represión é algo que se ben nos últimos tempos está máis presente, pertence ao carácter antidemocrático e irreformábel do estado español. É por iso que como solución nós apostamos pola independencia nacional da Galiza e a constitución dunha República Galega na que as liberdades democráticas estean garantidas e non coma no actual estado español.