“Galiza e Catalunya: a necesidade da independencia” artigo de Alberte Fernández

Alberte Fernández é o Secretario Xeral de Galiza Nova desde a súa XIV Asemblea Nacional

Neste final de ano do 2017 estamos a vivir un momento histórico, o contexto no que nos atopamos, no que o pobo catalán está impulsando o seu proceso de independencia rachando a unidade do estado español máis apodrecido, é claramente revolucionario. Dende hai décadas non se vivira outro momento coma este, no que as condicións materiais son proclives para avanzar no noso obxectivo estratéxico da destrución do sistema inxusto e antidemocrático que nos abafa.

Os actos dos últimos días: detencións de integrantes dun goberno catalán democraticamente elixido, secuestros de urnas e papeletas, cargas policiais e violencia total contra a xente que simplemente quería exercer o seu dereito ao voto, así coma as declaracións de El-Rei lexitimando todas estas actuacións e mesmo alentando unha resposta máis contundente non fixeron máis que que o estado español sacara a careta e se visualizara como o que é: un estado antidemocrático e cuxos dirixentes fan uso da violencia para os seus propios intereses.

Non debe sorprendernos, pois, que dende as institucións españolas do que nos venderan coma unha democracia modélica prohiba votar e reprima un pobo que quere manifestarse con tal violencia, pois este é un rexime emanado do golpe militar do 18 de xullo de 1936 (curiosamente pouco tempo despois de que fose redactado o primeiro Estatuto de Autonomía de Galiza) e logo camuflado como estado democrático trala morte do ditador. Que ninguén se engane, o estado español é irreformábel.

As declaracións de El-Rei lexitimando todas estas actuacións e mesmo alentando unha resposta máis contundente non fixeron máis que que o estado español sacara a careta e se visualice como o que é, un estado antidemocrático e cuxos dirixentes fan uso da violencia para os seus propios intereses.

Os grandes poderes do estado viven actualmente da explotación continuada das nacións sen estado, e é rachando con ese negocio millonario, acadando a nosa soberanía, a nosa independencia, a única maneira de destruír o réxime do 78. Por iso o estado español, que serve os intereses do grande capital, non permite nin que democraticamente se debata sobre a soberanía das nacións sen estado, pois sería o derrubamento do seu grande negocio, mentres a Unión Europea é totalmente cómplice destas actitudes antidemocráticas.

Neste contexto revolucionario no que está a debate a soberanía das nacións debemos pasar á ofensiva na reclamación dos nosos dereitos como mozas, como clase traballadora e como nación, pois só dende o conflito co sistema e mediante a intensificación da loita faremos avanzar a roda da historia cara a nosa plena liberdade.

O pobo galego deu unha grande lección de solidariedade coa loita do pobo catalán nas últimas mobilizacións esta fin de semana, porque a súa loita é tamén a nosa no camiño da destrución do cárcere dos pobos que é España. É por iso que non podemos só apoiar a loita do pobo catalán pola súa independencia, senón que debemos saír á rúa reivindicando o noso dereito a vivir en democracia, a existir como nación, o noso dereito á autodeterminación e a constituír a República Galega que solucione os graves problemas estruturais da mocidade galega, da que non teñamos que emigrar e na que poidamos vivir dignamente, que rache coa podremia que carcome todo o sistema español.

Mobilización nacional esta fin de semana en apoio do referendo de Catalunya

A mocidade nacionalista debemos dar un paso adiante, neste contexto revolucionario no que está a debate a soberanía das nacións debemos pasar á ofensiva na reclamación dos nosos dereitos como mozas, como clase traballadora e como nación, pois só dende o conflito co sistema e mediante a intensificación da loita faremos avanzar a roda da historia cara a nosa plena liberdade.