Vimos de ter coñecemento do anuncio de Juan Carlos de Borbón a Felipe de Borbón de trasladar a súa residencia fóra do estado español.

Esta é a última manobra dun réxime corrupto e caduco no intento de salvagardar a súa imaxe e protexer os seus intereses, desvinculando a Felipe de Borbón das múltiples actividades ilícitas desenvoltas por seu pai. Son numerosos os escándalos que rodean á monarquía española, con varias investigacións abertas en torno a comisións cobradas presuntamente de xeito ilegal. Ademais, este anuncio prodúcese cando as forzas políticas herdeiras do réxime do 78 tentan evitar a toda costa unha investigación parlamentar sobre estas actuacións corruptas, amparándose no pretexto da inviolabilidade da figura do monarca. É preciso abrir unha investigación que mostre cales foron as actuacións dos Borbóns, enfrontándoos a un xuízo con todas as súas consecuencias. Un exilio non pode supoñer un borrado de todas estas manobras ilícitas.

Todos estes sucesos veñen a corroborar a nosa tese de que a monarquía é unha institución corrupta e que atenta directamente contra os valores democráticos do noso pobo. Institución que cómpre lembrar, é herdeira directa dunha ditadura, ao ser a xefatura de goberno proposta por Franco á súa morte.

Por iso, unha vez máis, desde Galiza Nova defendemos o noso compromiso na loita por construír a República Galega e o combate a esta institución anacrónica e antidemocrática, que encarna o nacionalismo español máis rancio e autoritario.

Abaixo a monarquía española! Galiza non ten rei!

Leave a Reply

Your email address will not be published.