Galiza Nova: 30 anos de loitas

Neste mes de xullo dende Galiza Nova damos comezo á campaña de celebración do noso 30 aniversario.

O 24 de xullo de 1988 tivo lugar a Asemblea Constituínte de Galiza Nova, cumpríndose exactamente 30 anos na véspera do Día da Patria Galega deste 2018.

Foron 30 anos de loitas a prol da mellora das condicións de vida das mozas galegas. Con este aniversario queremos reivindicar a importancia de Galiza Nova ao longo dos seus 30 anos de Historia en loitas tan importantes coma contra o servizo militar español obrigatorio e o movemento da insubmisión, o feminismo, o traballo digno para a mocidade galega, a defensa dun ensino público galego ou a mobilización na defensa da terra co Nunca Máis encadradas no fío conductor da liberación nacional da Galiza.

É por iso que queremos por en valor a historia da nosa organización, que estivo presente na grande maioría das loitas sociais que se deron no noso país ao longo destas tres décadas, nalgunhas mesmo tendo un papel destacado a nosa militancia.

Para iso desenvolveremos ao longo deste ano 2018 unha campaña de posta en valor da nosa historia como organización que contará como punto central o Día da Patria Galega, que coincide co aniversario da fundación da nosa organización. Para iso celebraremos a segunda edición da Semana da Patria que contará co noso aniversario como temática principal neste 2018.

Recollemos tamén o legado dos milleiros de mozas e mozos que participaron en Galiza Nova ao longo da nosa historia achegando o ideario nacionalista á xente nova e renovamos o noso compromiso no camiño de acadar unha Galiza ceibe e popular na que a xente nova poidamos vivir dignamente.