Sabemos ben, e recordámolo cada sexta feira grazas á xente de #DefendeAGalega, que na Galiza non temos uns medios de comunicación públicos de calidade e que o goberno de Alberto Núñez Feijóo só traballa para os converter nunha arma ao seu servizo. A Xunta inviste cada vez menos diñeiro nas nosas televisións e radios, que fican lonxe de ser un referente de información ou lecer para a nosa xente.


Mais a CRTVG non é só deficiente nos seus contidos; tamén non cumpre cun dos obxectivos para os que foi creada: ser un instrumento fundamental na normalización lingüística do noso país. Esta perda de referentes e de medios en galego só vén a agravar un problema que xa é crítico: a falta de normalización e o cada vez maior descoñecemento da nosa lingua, especialmente entre a cativada, que acusa ano tras ano máis dificultades para falar e mesmo comprendela. Como a MESA pola Normalización Lingüística leva anos denunciando, o galego é case inexistente entre a mocidade. Só 0’6 % dos xoguetes a que teñen acceso está na normativa oficial do noso idioma e a súa presenza na televisión é case mínima: só 2’7 % de programación infantil en fins de semana.


Con todo, é necesario que o galego estea presenta en máis plataformas audiovisuais e mesmo que no noso país teñamos acceso a outras canles públicas en que falen unha variante distinta da nosa lingua; algo que aceptou levar a cabo o goberno español no seu acordo co BNG. Isto, xunto coa creación dunha canle infantil propia, é o que defende a última campaña da Mesa, a “Iniciativa Xabarín”, que pula tamén por iniciar acordos con empresas e con radios e televisións públicas estranxeiras, como a RTP, RTVE ou outras privadas, para garantir a presenza da nosa lingua entre os seus contidos.

Desde Galiza Nova non podemos máis que apoiar esta iniciativa e convidar a toda a mocidade a informarse, colaborar e, sen dúbida, asinar a Iniciativa Xabarín. Merecemos medios públicos de calidade e na nosa lingua.

Leave a Reply

Your email address will not be published.