Integrantes da Dirección Comarcal de Galiza Nova en Lugo e do Grupo Municipal do BNG presentan a campaña por unha zona de baño no río Miño.

Galiza Nova arrinca en Lugo unha campaña por unha zona pública de baño

Integrantes da Dirección Comarcal de Galiza Nova en Lugo e do Grupo Municipal do BNG presentan a campaña por unha zona de baño no río Miño.

Onte na localidade de Lugo lanzamos desde a Asemblea Comarcal de Galiza Nova en Lugo a campaña ‘Praia-Bus’ para reclamar a construción dunha zona de baño pública na beira do río Miño ao paso pola nosa cidade. Foi presentada polo responsábel local de Galiza Nova Alexandre Espiño Castro e o voceiro do BNG-AA no concello, Rubén Arroxo.

A mocidade de Lugo continúa a reclamar unha zona de baño pública, todos os anos prometida polo goberno local, pero que segue sen levarse a cabo. Cada verán vemos como as lucenses teñen que desprazarse a outros concellos para gozar dunha zona de baño no río, ou ben se arriscan a bañarse en zonas inseguras. Desde Galiza Nova consideramos que a mocidade de Lugo está farta de que non existan solucións para as épocas de moita calor e teña que desprazarse a outros concellos.

No ano 2009 o BNG presentou unha moción no pleno municipal, que foi aprobada, para a creación dunha zona de baño. Na práctica o goberno local sempre bloqueou a iniciativa, ano tras ano, malia contar con partidas nos orzamentos do Concello. Nin o goberno nin a Deputación fixeron as xestións necesarias. “Sempre se acusou á Confederación Hidrográfica de non dar os permisos necesarios, mais cando o BNG iniciou os trámites para levar a cabo o seu propio proxecto de zona pública de baño foi cando nos enteramos que nin Concello nin Deputación solicitaran nada na Confederación” asegurou Arroxo.

Fartas de falsas promesas decidimos levar adiante esta campaña, e que mellor reclamo que facendo brincadeira con outras campañas de moda. “Despois de ver a chegada, ao noso país, do bus transfóbico incitando ao odio e outro que dicía que o PP rouba, como se os galegos non o soubéramos, pensamos que o mellor xeito de iniciar a campaña era facendo o noso propio bus”, explicou Espiño.